Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 10/10/2012
A Plataforma convoca unha concentración o vindeiro 16 de outubro, ás 11:00 horas, diante de ExpoCoruña, onte terá lugar o xuízo, unah década despois da catástrofe
Nunca Máis, ante o inicio do xuízo do “Prestige”, reivindica a depuración de todas as responsabilidades e melloras na seguridade
“Impunidade Nunca Máis”. Baixo esta consigna, representantes da Plataforma Nunca Máis –da que forma parte a CIG- compareceron este mércores na Coruña para facer un balanzo destes dez anos dende a maré negra que asolou as costas galegas - ante o abandono e o desleixo do Goberno español e da Xunta de Galiza- e coa vista posta no inicio do xuízo oral que dará comezo o vindeiro 16 de outubro. Con tal motivo, a Plataforma comunicou que ten convocada unha concentración ese día ás 11:00 horas diante do recinto de ExpoCoruña, onde terás lugar as vistas. A CIG, que fai parte da Plataforma, porá autobuses a disposición de todas aquelas persoas que queiran asistir á mobilización.

12-10-10 Rp NuncaMais2

En nome da Plataforma, Xurxo Souto e Isabel Risco foron os encargados de lembrar a magnitude daquel movemento social que, aglutinado baixo o berro de Nunca Máis, foi quen de encher as rúas do País para esixir solucións e responsabilidades políticas fronte ao desleixo e abandono tanto do Goberno español como da Xunta de Galiza. Gobernos que, apuntaron, teñen neste intre á súa fronte á aquelas mesmas persoas que no ano 2002, ostentaban cargos de responsabilidades, que negaron informacións e que coas súas erradas decisións e cuestionábel xestión, provocaron a  amplificación de maneira importante das consecuencias do accidente e deron en transformalo nunha catástrofe ambiental.

“Unha pésima xestión política que debe ter mesmo consecuencias xurídicas”, aseveraba Xurxo Souto. “Non queremos impunidade e por iso Nunca Máis está presente como acusación popular neste xuízo”. Enfronte a “toda a máquina do estado” para evitar a asunción de responsabilidades políticas, Souto e Isabel Risco salientaron o traballo e esforzo levado a cabo nesta década polos avogados da Plataforma, Pedro Trepat e Miguel Ángel Fernández, que “como un facho no medio da noite mantiveron esa imputación ás autoridades”, un posicionamento que finalmente deu o seu resultado ao acadar a imputación de López Sors como representante da administración.

“Isto vén significar que o movemento Nunca Máis foi unha ferramenta útil, que conseguiu pola presión social avances na protección das nosas costas e que aínda sigue sendo necesario”, apuntaba Risco.

“O principio do fin”

A respecto do inminente inicio do xuízo oral, o avogado Pedro Trepat valoraba que nos atopamos “ante o principio do fin da causa de instrución do “Prestige””; unha causa que, denunciou, se ten demorado no tempo excesiva e indebidamente, o cal servirá de atenuante de responsabilidades para os culpábeis e permitirá unha redución das posíbeis penas. Porén, o letrado subliñou que dende Nunca Máis se perseguirá a depuración de responsabilidades dende todos os ámbitos.  Á marxe da sentenza xudicial, Trepat valorou o resultado da presenza  de Nunca Máis na causa, da que se derivou a apertura de vías de responsabilidade sobre o Goberno, que dende a Fiscalía e a avogacía do Estado tiñan vedada. 

“Estou absolutamente convencido de que unha das conclusións da causa do Prestige e da presenza de Nunca Máis pasará polo feito de que no caso de que se produza un novo accidente, os responsábeis políticos desta vez non irán de cacería, non tomarán decisións estritamente en base a criterios oportunistas, arbitrarios e caprichosos, sen base científica, senón que aproveitarán os coñecementos técnicos dos homes do mar, dos especialistas, etc.”.

En canto ás gravacións coñecidas este mércores, Miguel Ángel Fernández resaltou que aínda non escoitaran ditas gravacións xa que acaban de incorporarse ás probas, que as terán que estudar, pero que darán “moito xogo” no xuízo a respecto de aclarar as responsabilidades das decisións adoptadas e se foron as máis acaídas.

Avances insuficientes en seguridade

Á pregunta de se outro Prestige sería posíbel hoxe en día, dende a Plataforma lanzouse unha desacougante resposta afirmativa. Os avanzos (e tamén retrocesos) que se deron nesta última década no que ten a ver coa seguranza marítima e protección do litoral son insuficientes, afirman. Máxime se se pensa que máis de 13.000 buques con mercadorías perigosas transitan anualmente fronte ás costas de Galiza.

Existiron, si, melloras no salvamento marítimo e hoxe dispoñemos de máis medios (novos remolcadores, novos helicópteros...) para enfrontar situacións de risco no noso litoral. E tamén se estabeleceron medidas (maior cobertura radar, afastamento do Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra...) que van na boa dirección. Algunhas delas tamén no ámbito europeo, como a paulatina retirada dos petroleiros monocasco ou a fixación de aseguramentos co fin de cubrir responsabilidade por danos por mor da contaminación. Melloras motivadas, matizaron, pola presión social que levou adiante Nunca Máis nas semanas e meses posteriores ao afundimento do Prestige.

Así e todo, o capítulo de carencias e de medidas non implementadas non é menor. De aí que se poidan cualificar de insuficientes as actuacións desenvolvidas en materia de seguranza e protección do litoral nestes últimos dez anos. Carencias como a falta de control vía satélite do que acontece fronte as costas galegas; a falta de identificación e dotación de medios para os lugares de refuxio de barcos en dificultades ou o escaso control sobre o pecio afundido do Prestige; a inexistencia dun Centro de Prevención da Contaminación Mariña en Galiza, etcétera, etcétera.

Estas carencias están hoxe amplificadas por aspectos como a non transferencia a Galiza das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña ou o proceso de privatización dos medios de salvamento levado a cabo polo goberno do PP, o que está a converter un servizo público como salvamento nun simple negocio aberto ao ánimo de lucro. Ademais, aínda son necesarias melloras no que ten a ver coa inspección de buques; o control do tránsito marítimo na costa galega; as radiocomunicacións marítimas ou mesmo coas condicións de formación dos tripulantes de buques. Tamén se fai precisa a realización de programas de investigación sobre técnicas de limpeza e descontaminación de praias e costas ou actuacións decididas de defensa da produción galega pesqueira, marisqueira e mexilloeira, e sistemas de control das importacións.

Xuntamente con isto, existen aspectos vinculados aos efectos da maré negra do “Prestige” que aínda non están solucionados, como por exemplo: o control e seguimento a longo prazo dos espazos ambientalmente máis afectados; un plan de recuperación e repoboación de especies de valor comercial (peixe e marisco) no litoral galego ou o seguimento da saúde das persoas que interviñeron nos traballos de limpeza e descontaminación.

Así pois, transcorridos dez anos, ao entender da Plataforma existen dúbidas máis que razoábeis acerca de que hoxe poidamos dicir que está garantido que non se vai producir outro “Prestige”. “E o que se cadra é máis preocupante é que tampouco está garantido que os diferentes gobernos e administracións, nomeadamente o Goberno central e a Xunta de Galiza, non cometesen os mesmos erros que cando a xestión do “Prestige””.

De aí a importancia que ten para a plataforma Nunca Máis que se coñeza polo miúdo a devandita xestión e, ante o inicio do xuízo oral, este conclúa determinando as responsabilidades derivadas da maré negra do “Prestige”. “Non debe haber lugar para a impunidade. Esa tamén a razón que no seu día moveu a Nunca Máis a presentarse como acusación popular no xuízo aberto por esta causa”.

1