Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 10/10/2012
O colectivo de Ferrol amosou o seu rexeitamento á desproporcionada sanción imposta a seis compañeiros/as por participar nunha acción nun MaxiDia
As asembleas de desempregados/as de Ferrol e A Coruña continúan as mobilizacións en demanda de políticas de emprego
As asembleas de desempregados/as da CIG en Ferrol e A Coruña continuaron o mércores co calendario de mobilizacións para esixir un cambio nas políticas económicas dos gobernos español e galego que poñan freo á sangría do paro. No caso da Coruña realizaron unha concentración ás portas dunha oficina do Inem, mentres que en Ferrol levaron a cabo unha acción de protesta diante do supermercado DIA.

12-10-10 Concnetracion INEMACorunha

Con esta mobilización, a asemblea de desempregados/as de Ferrol quería amosar o rexeitamento á sentenza condenatoria que o xulgado impuxo a seis compañeiros/as que o pasado mes de xuño participaron nunha acción simbólica neste supermercado, consistente en retirar unha cesta de produtos de alimentación básicos presentando a tarxeta do paro, para logo entregalos á cociña económica.

Esta protesta, a través da que se buscaba chamar a atención sobre a difícil situación que atravesan as persoas sen emprego, especialmente aqueles/as parados/as chamados de longa duración, veuse frustrada pola policía que identificou aos participantes e requisou os produtos.

Posteriormente, o supermercado presentou denuncia contra seis dos/a integrantes da asemblea co resultado de que unha acción de carácter simbólico e reivindicativo “foi castigado de maneira desproporcionada (cunha multa de  835€ fronte aos 25.37€ dos produtos retirados) para evitar que se xeneralice este tipo de actos que só buscan crear consciencia social e a mobilización ante a actual situación.

Cambio nas políticas de emprego

Pola súa banda, membros da Asemblea de Desempregados/as da Coruña realizaron unha concentración ás portas da oficina do Inem de Monelos, onde repartiron follas informativas explicando as súas reivindicacións fronte ao medre imparábel das taxas de desemprego e a destrución acelerada dos nosos sectores produtivos, favorecida polas políticas levadas a cabo tanto dende o Goberno do PP na Xunta como no Goberno español.

Entre outras cuestións, a asemblea reivindica a derogación da reforma do paro imposta polo PP en xullo, estabelecemento dun salario de inserción social, investimento público produtivo que favoreza a creación de postos de traballo, plans de ampliación e mellora dos servizos públicos para crear emprego, unha nova política fiscal, medidas lexislativas para frear os desafiuzamentos, apoio ao tecido produtivo ou mellorar o poder adquisitivo dos salarios.

1