Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 11/10/2012
Os traballadores da ambulancia, que se negaron a facer a viaxe nestas condicións irregulares e inseguras, foron ameazados co despedimento
A CIG denuncia na Fiscalía o traslado en ambulancia dunha bebé que ía nunha incubadora atada con cinchas a unha padiola
O sector de Transportes da CIG na Coruña vén de presentar denuncia diante da Fiscalía para depurar responsabilidades, logo de que dous traballadores de Ambulancias Xuvias fosen obrigados a trasladar dende o CHUAC até o Hospital Xeral Cíes de Vigo a unha bebé prematura nunhas condicións que non cumprían os requisitos mínimos de seguridade.

12-10-11 RP Denuncia Fiscalia traslado bebe

Os feitos, explicaron o responsábel de Saúde Laboral da FGAMT-CIG, Ernesto López, e o condutor da ambulancia, Néstor Torea, aconteceron o pasado 25 de setembro, cando aos traballadores de Ambulancias Xuvias (que ten a concesión do servizo altas e traslados inter e intrahospitalarios do CHUAC) lles foi asignado un servizo de transporte dunha bebé prematura en incubadora.

Foi entón cando o persoal se deu conta de que terían que facer o traslado coa incubadora atada cunha cincha enriba dunha padiola e co sistema de monitorización suxeitado con esparadrapo. Antes estas manifestas irregularidades e faltas de seguridade para a crianza, o propio Torea manifestou ao persoal médico que se negaba a facer o traslado ante as serias posibilidades de que a incubadora case no chan, pondo en risco a saúde do cativo.

A este respecto, o condutor da ambulancia lembra que, segundo a normativa de transporte sanitario, para realizar o traslado duna xeito seguro a incubadora ten que estar ancorada á padiola con instrumentos de suxeición e ancoraxe homologados, condicións que si cumpría a ambulancia na que a meniña fixo a viaxe entre o hospital de Vigo e o da Coruña.

Ante a negativa dos traballadores/as a realizar o servizo en tales condicións de inseguridade, o persoal médico do Materno aseguroulles que ían dar parte á empresa, ameazándoos con que poderían ser despedidos. Nese momento, os dous traballadores/as chamaron a Garda Civil para dar conta desta situación e ao 061, e aínda que se recoñeceu que esas condicións non eran as adecuadas, deixaron a responsabilidade do que puidese pasar en mans do persoal médico que ordenou o traslado.

Tanto López Rei como Torea matizaron que este tipo de traslados non son illados, senón que se realizan con frecuencia e criticaron que tanto dende a Xerencia do CHUAC como dende a empresa concesionaria do servizo –ambos coñecedores desta situación- non se teñan tomado  medidas para resolver estas carencias e acondicionar adecuadamente e con suxeición á lexislación vixente os dispositivos para o transporte sanitario destas características.

Neste senso, o responsábel de Transportes da CIG na Coruña lembrou as palabras do Fiscal de Seguridade Viaria cando hai uns meses asegurou que o ministerio fiscal imputaría por homicidio imprudente a todos os pais e nais que se visen implicados nun accidente e os/as fillos/as non fosen correctamente suxeitos. “Este non é un traslado nun vehículo particular, pero é o mesmo esquema, a crianza ten que ir na ambulancia ben suxeita e en condicións de seguridade e non con este amaño artesanal que o único que fai é por en perigo ao/á cativo e máis ao condutor e ao padioleiro”.

Antes as portas da Audiencia Provincial, López Rei explicou a que a nai da cativa afectada tamén presentou reclamación diante do Sergas para que faga as investigacións oportunas e corrixa estas deficiencias.

1