Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 11/10/2012
Denuncia que a Administración galega está a obrigar os traballadores/as a resolver expedientes antes da xornada de reflexión
A CIG-Administración acusa á Xunta de utilizar a Lei de Dependencia en favor do PP con fins electoralistas
A federación de Administración da Confederación Intersindical Galega denuncia que o Partido Popular está a utilizar novamente a Administración pública galega con fins electorais, nesta ocasión o Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal. Responsábeis da Xunta mantiveron unha xuntanza cos encargados do departamento para esixirlles que resolvan antes do vindeiro día 17 un total de 1.500 expedientes de persoas que viven no rural, para o que incluso terían que acudir ao seu posto de traballo en horario de tarde.

Edificio Administrativo San Caetano

Dende a CIG-Administración critican este uso partidista da Administración galega e censuran que os responsábeis autonómicos do Partido Popular obriguen aos traballadores/as do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal a resolver 1.500 expedientes (500 na Coruña, 400 en Lugo, 200 en Ourense e 400 en Pontevedra) unicamente de persoas que viven no rural.

As instrucións da Xunta establecen que as xestións deben de facerse antes do vindeiro día 17, en plena campaña electoral, “para que deste xeito as resolucións cheguen o día 20, coincidindo coa xornada de reflexión”. Denuncian tamén que a súa intención é que os traballadores/as do servizo acudan ao seu posto incluso en horario de tarde.

Dende a CIG lembraron que o Goberno do PP recortou até un 75% as achegas aos Concellos para facer fronte ao programa de Axuda a Domicilio e que algunha Mancomunidade ten problemas incluso para pagarlles os seus traballadores/as, polo que se amosaron especialmente críticos co feito de que “agora si que aparezan cartos durante o período electoral para facer campaña polo PP”.

1