Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 11/10/2012
Carlos Callón: “Non hai bilingüismo nin trilingüismo: hai exclusión e varrido do idioma propio”
Só 3% dos centros de educación infantil das cidades imparten o ensino en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar os “máis que alarmantes” datos dun estudo sobre o uso do galego na educación infantil nas sete cidades galegas. Segundo estes datos, só 3,19% dos centros imparten ensino en galego, un 1,06% manteñen dúas liñas diferenciadas (unha en galego e outra en castelán) e un 4,96% dos centros responderon que “dan a metade en galego e a metade en castelán”, aínda que en varios deles o idioma propio de Galiza só se utiliza na oralidade, realizándose toda a lectoescritura en castelán ou, mesmo, en inglés.

Correlingua en Vigo IV
Alumnado do IES Pintor Laxeiro portando unha faixa na defensa da língua na Praza do Rei.

Sumando todas estas porcentaxes encontrámonos con que só o 9% dos centros de ensino de infantil das cidades declaran impartir “algo” en galego, mentres que o 91% exclúe o idioma propio do país até que as nenas e os nenos chegan aos 6 anos. “Non se garanten as competencias comunicativas en galego e ponse en risco a cohesión social de Galiza”, indican desde a maior asociación cultural de Galiza.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, apunta que “estes niveis de exclusión non se producen en ningunha outra comunidade autónoma con idioma propio diferente do español, goberne quen gobernar” e pon como exemplo outras comunidades gobernadas polo PP, como València ou Balears. “Os dirixentes do PP en Galiza, e á cabeza deles Alberto Núñez Feijóo, son os máis reacios á pluralidade e á diversidade lingüística, seguen ao pé da letra o obxectivo da españolización de que fala o Ministro de Educación. Non lles importa se para iso teñen que levarse por diante os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e culturais ou a cativa lexislación de protección do noso idioma de que nos dotamos nestas tres décadas”, explica.

Callón fai tamén un repaso polos datos sobre o uso do galego na educación infantil nos últimos anos e recoñece que “se trata dunha etapa difícil para o idioma propio desde sempre, pois nunca se puxeron os medios precisos para garantir a presenza mínima do galego, mais nunca en democracia se comprobaron niveis tan calamitosos como na actualidade”. Así, mentres no curso 2008/09, co decreto do 50% aínda en vigor, só o 35% dos centros das cidades declaraban impartir ese mínimo da metade do horario en galego, en 2010/11 só 10% manifestaban que impartisen o ensino en galego e na actualidade continúa cun “descenso en picado” que, a xuízo da Mesa, “coloca a nosa lingua á beira do precipicio”.

Desde A Mesa chaman a atención sobre algúns datos recollidos no seu estudo, como que nun centro de infantil de Vigo o español gañou por un só voto e, por iso, todo o ensino pasa a ser impartido neste curso exclusivamente nese idioma. Ademais, nun centro de Santiago, a pesar de os pais responderen maioritariamente “galego”, os docentes transmitíronlle á Mesa que o ensino era en castelán porque esa era “a lingua dos nenos e os pais mentiron para ter educación en galego”.

1