Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 11/10/2012
Máis de 150 afectados/as convocados pola CIG concentráronse este martes á noite diante do Auditorio Municipal de Cangas, onde o candidato do PP á Presidencia da Xunta participaba nun mitin electoral. Núñez Feijóo veuse obrigado a recibir a unha representación dos mariñeiros/as, entre os que se atopaba o responsábel de Mar da central nacionalista, Xabier Aboi.
O dirixente sindical explicou que ao remate do acto mantiveron un breve encontro co presidente da Xunta, quen lles confirmou que xa se puxera en contacto co ministro de Agricultura e Pesca para preguntarlle por que fixaron as axudas aos mariñeiros/as galegos/as en 37,45 euros diarios en lugar dos 45 que recibirán os andaluces. “Recoñeceu que se trata dunha discriminación inexplicábel e asegurounos que nos chamaría a conselleira de Pesca para arranxar o asunto”, indica Aboi.
Ao día seguinte a titular do departamento autonómico confirmoulles a intención do Ministerio de abonarlles as indemnizacións íntegras. Hoxe mesmo o Goberno español publicou a orde mediante a que destina máis de seis millóns de euros aos armadores, ao tempo que anunciou que a vindeira semana chegará a dos/as tripulantes. “Con todo, teñen que corrixir a orde porque foi publicada con erros, e agardamos que a semana que vén teñamos xa enriba da mesa as axudas aos mariñeiros/as”.
Neste senso, Aboi indicou que o que lles trasladaron dende a Xunta é que o Ministerio incorporará as demandas da CIG: que as achegas sexan de 45 euros diarios e que inclúan os tripulantes de embarcacións que van ir ao despece.
1