Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 12/10/2012
O traballador da central, que sufriu unha escordadura de ombreiro e diversas contusións durante o arresto, tamén terá que comparecer acusado de desobediencia á autoridade
Este luns celébrase o xuízo por danos e lesións contra os policías españois que detiveron o cámara da CIG na folga xeral do 29-M
Catro dos policías españois que participaron na detención do cámara da CIG durante a folga xeral do pasado 29 de marzo irán a xuízo por danos e lesións este luns en Vigo. Pola súa banda, o traballador -que sufriu unha escordadura de ombreiro e diversas contusións tras seren arrestado cando tomaba imaxes dun piquete- tamén comparecerá acusado de desobediencia á autoridade.

2012 03 29 AlcampoVigo02

O xuízo de faltas no que están acusados os catro axentes e o cámara da CIG celébrase este luns día 15 no Xulgado de Instrución Número 7 de Vigo a partir das 12.15 horas. O traballador foi detido na madrugada do 29-M mentres rexistraba imaxes dun piquete informativo na parte traseira do Alcampo de Coia, en Vigo, acusado de desobediencia á autoridade, por supostamente negarse a identificarse e ter intentado impedir a súa detención.

A CIG, pola contra, denuncia que se tratou dunha agresión policial e amosa a súa solidariedade co compañeiro, que a consecuencia do arresto sufriu unha escordadura ombreiro, lesións nos pulsos e hematomas en distintas partes do corpo.

1