Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 13/10/2012
Denuncian que Rajoy participou nun acto de homenaxe ás vítimas de incendios forestais, onde non se lembrou ao único finado galego, o brigadista Iginio Vivas
A Plataforma en defensa do servizo público de incendios pide das forzas políticas que digan por que modelo de operativo apostan
A Plataforma en Defensa do servizo público de prevención e extinción de incendios deu este sábado día 13 de outubro unha rolda de prensa para demandar das organizacións políticas que concorren ás eleccións do vindeiro 21 de outubro que expliquen publicamente o que van facer co servizo de extinción de incendios galego. Neste sentido, adiantaron que o luns se porán en contacto con todas elas para demandarlles que os seus candidatos expliquen á sociedade galega como van articular o operativo, se van seguir existindo empresas privadas, se vai haber un servizo único e se se van seguir mantendo dualidades ou non.

12-10-13 RP Plataforma incendios forestais

Paulo Rubido, representante da CIG, explicou que nos programas electorais, “ou non se fai referencia respecto de por que tipo de operativo se aposta, ou se se fala é en termos moi ambiguos”, malia tratarse dun tema de relevancia, pola “especial importancia que ten en Galiza o servizo de prevención e extinción de incendios forestais”, dixo.

Os representantes da Plataforma demandaron ademais que os incendios non se utilicen como arma electoral, como ten feito algún candidato. En concreto, referíronse “ao actual presidente da Xunta de Galiza, que chegou a aparecer cunha ‘maguerita’ apagando incendios”. Fronte a isto, apostaron por “sacar este tema do conflito político” e solicitaron abrir unha vía para que se dea un “consenso entre todas as organizacións políticas, sindicais,  sociais e profesionais”, a efectos de que se constitúa unha mesa de diálogo onde se aposte por un servizo “público, único e profesional”.

Rubido sinalou que a actual situación “non é a desexábel”, tanto do punto de vista das condicións laborais como da eficacia dos operativos, porque, dixo, “se está a imposibilitar aos traballadores/as, que son profesionais no servizo de extinción,  poidan desenvolver o seu labor coa eficacia e a corrección que deberían ter”. Unha situación que os leva a concluír que o problema é que “non se quere que este servizo funcione correctamente”.

En función das respostas que teñan, valorarán a posibilidade de que as demandas que se van trasladar se visibilicen, nomeadamente no caso das organizacións políticas que non respondan.

Do mesmo xeito, manifestaron o seu malestar polo acto de homenaxe a todas as vítimas e falecidos na campaña deste ano. Un acto que cualificaron de “auténtico agravio”, no que Mariano Rajoy “non tivo presente ao único traballador galego finado ca campaña deste ano, Iginio Vivas. Esqueceuse precisamente de Galiza, comunidade da que renega, pero da que é orixinario”, afirmou o representante da CIG.

Os representantes da Plataforma lembraron tamén a manifestación celebrada o pasado 29 de setembro, que consideraron moi relevante porque, por vez primeira, todos os traballadores de extinción de incendios, con independencia de ser de empresas públicas ou privadas, participaron conxuntamente e cunha mesma demanda: que exista un servizo único, público e profesional. Nese sentido, salientaron a vocación de continuidade da plataforma, que vai moito máis alá do momento electoral no que estamos e anunciaron que participarán en todas as mobilizacións convocadas para a vindeira semana en defensa dos servizos públicos, con voz e identificación propia.

Na rolda de prensa estaban Roberto Jorge, vicepresidente da APROPIGA, Asociación Profesional de Persoal de Prevención e Extinción de Incendios de Galiza; Carlos Rocha, de UGT; Paulo Rubido, en representanción da CIG e María Rodiño, en representación dos Comités de Seaga. Tamén forman parte da Plataforma CCOO, CNT, APRAFOGA (Asociación Profesional de Axentes Forestais), ADEGA, FRUGA, Organización de Montes en Man Común e XORNAGA (Asociación profesional de Técnicos/as en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos de Galiza).

1