Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 15/10/2012
Coa marcha, convocada pola CIG, CCOO, UGT e USTG, as organizacións sindicais queren denunciar tanto os recortes e medidas contra a maioría social que están a aplicar os gobernos do PP como a situación de abandono na que teñen deixado á comarca e a un dos seus principais sectores industriais: o naval. A maiores, lembran que nos últimos anos unha boa parte das empresas máis grandes teñen pechado, aplicado EREs ou despedimentos, mentres os compromisos con Ferrolterra continúan sendo papel mollado.
A manifestación desenvolverase baixo o lema “Queren afundir a comarca. Impidámolo!”, sairá ás 20:00 horas dende o Inferniño para finalizar na Praza de Armas.
Continúan as protestas no naval
Pola súa banda, o pasado xoves os membros do Comité de Navantia e as industrias auxiliares que dende o pasado 11 de setembro permanecían pechados no Concello de Ferrol, acordaron abandonar a medida de presión tras concretarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique, para o 24 de outubro.
Os traballadores/as tamén están chamados a secundar este luns día 15 un peche nos estaleiros até as seis e medida da tarde, cando sairán das instalacións para se sumar á mobilización que ten convocada a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos.
1