Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 15/10/2012
Denuncian que os expropietarios da planta–en fase de liquidación- pretenden quedarse coa maquinaria e impedir que o persoal se faga coa empresa
O Comité de Privilege pídelle ao administrador xudicial que aposte polo mantemento dos empregos e continuidade da fábrica
O Comité de Privilege Advanced Surfaces compareceu este sábado en rolda de prensa para solicitar á administración xudicial que antepoña a continuidade da actividade da fábrica e dos 44 empregos directos (máis outros tantos indirectos) á oferta que vén de presentar unha compañía montada polos ex-propietarios da planta de Narón –o grupo italiano Quarella- que foron quen levaron á empresa a situación actual de liquidación.

12-02-17 Concentracion persoal Privilege2

Privilege Advanced Surfaces, dedicada á fabricación de aglomerado de pedra, atópase en fase de liquidación, dentro do proceso concursal solicitado polo grupo Quarella, propietario da factoría, por mor das débedas contraídas. No momento de solicitar o concurso voluntario de acredores, os traballadores/as tiñan vixente un ERE de suspensión, xa que a planta non contaba con carga de traballo.

A este respecto, cómpre subliñar que o principal cliente de Privilege era o propio grupo Quarella, que levaba meses sen realizar encargas, polo que dende o primeiro momento dende o Comité advertiuse que as verdadeiras pretensións da compañía pasaban por pechar as instalacións de Narón e levar a produción a Italia.

Tras meses de mobilizacións e loita co obxectivo de implicar á Xunta e ás administracións locais na procura dun comprador para a factoría que permitise garantir a continuidade da produción e os empregos, os traballadores/as optaron finalmente por constituírse nunha Sociedade Anónima Laboral e facerse cargo da empresa. Porén, agora, a menos de un mes para que remate o concurso, vén de aparecer unha segunda oferta de compra.

Esta oferta, apuntaba Emilio Casas, Presidente do Comité, foi presentada por unha compañía montada polos fillos dos expropietarios (Quarella), co obxectivo de facerse coa custosa maquinaria de Privilege, deixando a débeda a cargo do concurso de acredores. Neste senso, o Presidente do Comité sinalaba que a oferta dos italianos se eleva a seis millóns de euros a pagar en catro anos, pero que no propio informe que acompaña á proposta xa se especifica ao desmantelamento da factoría. “O que nos tememos é que veñan levar a maquinaria, pechen e só afronten o pago do primeiro ano”, matizaba.

Fronte a este previsíbel peche, dende o Comité fíxose unha chamada de atención á administración xudicial para que teña en conta estas circunstancias e no seu informe aposte claramente pola vía dos traballadores/as, xa que isto suporía “a continuidade da produción, dos 44 empregos directos e doutros tantos indirectos”. Empregos valiosísimos no actual contexto económico e máis tendo en conta o medre imparábel do paro na comarca de Ferrolterra.

Casas apuntaba á viabilidade da planta e ás xestións realizadas neste tempo polo persoal para salvar a factoría, e indicou que incluso teñen enviado unha misión comercial a norteamérica “que trouxo máis carga de traballo da que esperábamos”. 

O representante do persoal apuntou tamén a responsabilidade das administracións públicas neste conflito, xa que Privilege Advanced Surfaces ten unha importante participación pública no seu accionariado: o 20% pertence a Xesgalica e outro 20% a SEPIDES. Ademais, denuncia o Presidente do Comité, o grupo italiano recibiu un importante número de axudas públicas nos últimos anos, e mesmo o proceso de automatización, que custou 12 millóns de euros, se realizou mediante subvencións. 

1