Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 15/10/2012
A Federación denuncia o amoreamento dos/as enfermos/as e a falta de camas para atender todos os ingresos
CIG-Saúde cualifica de “indecente e inmoral” a situación que padecen os doentes/as ingresados en Urxencias do CHUAC
A CIG-Saúde da Coruña vén de denunciar novamente a situación que están a padecer os/as doentes ingresados/as no Servizo de Urxencias do CHUAC dende o día 11 de outubro até hoxe. A Federación explica que no mediodía deste luns, dos/as 79 doentes que permanecen no Servizo, 47 están ingresados/as á espera de cama, porque non hai camas dispoñíbeis no Hospital.

Hospital A Corunha

Para a Secretaria Comarcal da CIG-Saúde, María Seijo, é “indecente e inmoral” a situación de caos constante que vive o Servizo de Urxencias e o feito de que “polo menos a metade destas persoas,  maioritariamente anciáns/ás, levan dende o xoves 11 ou dende o venres 12 (até 3 e 4 días, coas súas noites), amoreados en Urxencias, en camas, padiolas e incluso sentados nun sillón”.

Na noite do 14 ao 15 de outubro, explica, a situación en Observación era de total colapso e  a falta de espazo era tal, que se deu a orde de substituír camas por padiolas, porque no espazo que ocupa unha cama pódense meter dúas padiolas. Deste xeito até 33 persoas pasaron a noite nunha padiola e 18 tiveron que pasala sentadas nun sillón, “porque xa nin padiolas, nin espazo para metelas había”.

“Estes feitos superan o cualificativo de precariedade asistencial. As persoas enfermas, as persoas anciáns/ás, non poden padecer unha situación tan atroz, non poden ser sometidas, polas condicións da asistencia sanitaria, a un sufrimento sobreengadido”, censura Seijo.

Paralelamente á degradación das condicións para os/as doentes, a precarización chega tamén ás condicións de traballo para os/as profesionais, sometidos a unha brutal sobrecarga de traballo, “saltando por encima das padiolas para poder atender e proporcionar os coidados, angustiados e impotentes ante a situación que están a padecer eles e os seus doentes”.

Fronte a este despropósito e os grandes anuncios electorais realizados polo PP sobre a suposta protección aos servizos básicos, a Secretaria comarcal da CIG-Saúde pregúntase “onde estaban os responsábeis desta situación durante estes días? Onde estaba a Conselleira de Sanidade do PP, onde estaba Feijoo?”.

1