Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 16/10/2012
A acusación pública non solicitou cargos contra eles ao remate da sesión mentres que ao traballador lle pide unha multa por desobediencia
A Fiscalía e a avogada dos policías españois que detiveron o cámara da CIG alíanse na defensa dos axentes durante o xuízo
O fiscal decidiu atender as demandas da defensa de dous dos policías que detiveron o cámara da CIG na folga xeral do 29-M e non formular acusación contra os axentes ao remate da sesión celebrada este luns en Vigo. Pola contra, si lle solicitou unha multa de 600 euros ao traballador por unha falta de desobediencia contra a autoridade, a pesar de que sostivo en todo momento que non se negou a que o identificasen. O avogado do cámara, que reclamou a apertura de dilixencias previas contra os policías por presuntos delitos de lesións, danos e denuncia falsa, censurou  a conivencia entre o Ministerio Público e a defensa dos axentes, até o punto de dirixirse ao fiscal ao remate de xuízo para recriminarlle a súa actitude.

2012 03 30 CamaraAgredidoCIGXulgados

O cámara da CIG á saída dos Xulgados, horas antes de que lle confirmaran que ten unha escordadura de ombro.

O avogado da CIG explicou que ao remate da sesión lle reclamou á xuíza substituta do Xulgado de Instrución Número 7 de Vigo a apertura de dilixencias previas contra os policías por presuntos delitos de lesións, danos e denuncia falsa. De xeito subsidiario, en caso de que petición non sexa atendida, solicitou para un dos axentes que participou no arresto unha multa de 600 euros (10 euros diarios durante dous meses) por unha falta de lesións e unha indemnización por unha falta de danos (770 euros do equipo profesional e uns 1.200 polos 21 días de baixa médica) para os dous.

Pola súa banda, o Ministerio Fiscal rexeitou formular acusación algunha contra os axentes pero si coincidiu coa avogada dos policías en solicitarlle ao cámara da CIG unha multa unha falta de desobediencia á autoridade, por presuntamente terse negado a identificarse. A letrada dos axentes pediu a contía máxima, 600 euros, mentres que o fiscal conformouse con 280 euros (40 días de sanción a sete euros diarios). 

Conivencia entre a Fiscalía e a defensa dos policías

O avogado da CIG asegurou ao remate do xuízo que resulta inaceptábel que a Fiscalía diferencie da forma en que o fixo durante a sesión un e outro delito, cando teoricamente está para velar pola seguridade pública. “Os interrogatorios dos policías foi unha luva de seda, mentres que as nosas testemuñas foron sometidas a un terceiro grado”, criticou o letrado.

Neste senso, denunciou que o Ministerio Fiscal non se preocupe por perseguir unha actuación tan grave como a protagonizada polos axentes na folga xeral, “cando se detén a un xornalista sen motivo, se lle agrede e se lle rompe o seu equipo profesional”. Para o avogado, quedou perfectamente claro que o fiscal tomou partido polos axentes de xeito descarado, “até o punto de que foi moito máis duro coas nosas testemuñas que a propia avogada dos policías”. Esta actitude motivo fixo que o avogao do CIG se dirixise a el ao remate da sesión para chamarlle a atención.

Dende a central nacionalista xa denunciaran no seu día que o acontecido co traballador foi unha agresión policial e amosan a súa solidariedade co compañeiro, que a consecuencia do arresto sufriu unha escordadura ombreiro, lesións nos pulsos e hematomas en distintas partes do corpo.

1