Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 17/10/2012
Presentou a denuncia, este martes, 16 de outubro, perante o xulgado de garda do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela
SOS Sanidade Pública denuncia á Dirección de Recursos Económicos do SERGAS polo contrato con Price Waterhouse Coopers S.L
A Plataforma SOS Sanidade Pública vén de presentar unha denuncia perante o xulgado do contencioso de Santiago de Compostela contra a Dirección de Recursos Económicos do SERGAS por non teren esta achegado o informe encargado á consultora Price Waterhouse Coopers S.L. (“consultora de cabeceira” do SERGAS) no que se deberían avaliar as ofertas presentadas polas distintas construtoras na contratación pública para explotar o Novo Hospital de Vigo.

2012 10 03 ManiSanidadePublizaVigo01

A Plataforma SOS-Sanidade Pública de Galicia  presentara xa un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do SERGAS de  19 de Xaneiro de 2011 (DOG de 15 de Febreiro de 2011), de concesión a unha Sociedade Mercantil do contrato de obras públicas do novo hospital de Vigo.

O SERGAS, tras requirimento xudicial, enviou ao Tribunal case 2.000 folios, cada un deles debidamente conformes e cotexados pola Subdirección Xeral de Investimentos do SERGAS. Esa documentación foi trasladada á Plataforma, que tivo por iso a oportunidade de revisalos. Porén, non se atopou ningún informe da Sociedade Limitada denominada Pricewaterhousecoopers Corporate Finance, adxudicataria do contarto administrativo de 220.660 euros, que xustificara a realización dese asesoramento.

Ese informe debería avaliar as ofertas presentadas no proceso de adxudicación do contrato para financiar e construír o Novo Hospital de Vigo, e o seu custo ás Arcas Públicas Galegas ascendeu a 220.660 euros.

SOS Sanidade Pública lembra que dúas Unións Temporais de Empresas presentaron ofertas: unha liderada por Acciona e outra liderada por Grupo San José. O anuncio para licitar este informe de asesoramento de ofertas saíu publicado no Diario Oficial de Galicia durante o mes de Agosto de 2010 e tramitouse de forma urxente.

A Plataforma pregúntase se se adoitan realizar tramitacións de contratos deste tipo no mes de agosto e por que se recorreu ao trámite de urxencia. Máis cando a Dirección de Recursos Económicos do SERGAS sabía desde Maio de 2010 (saiu publicado no DOG do 10 de Maio de 2010) que o prazo, para presentar ofertas na licitación para o financiamento, construción e explotación do Novo Hospital de Vigo concluía o 2 de Agosto. Xunto a isto, pregúntase tamén, se isto foi así, por que motivo licitou o contrato que despois lle foi adxudicado a Pricewaterhousecoopers con carácter urxente. “Consideramos que se debería anunciar a licitación do contrato”, afirma.

“Non entendemos os motivos polos que o SERGAS tivo que contratar externamente este proceso e por un importe tan elevado (en tempos de crise recadatoria), para asesorar a avaliación das ofertas presentadas. Consideramos que a administración pública ten á súa disposición un corpo funcionarial interno altamente capacitado, nas diferentes Consellerías da Xunta, para levar a cabo tal tarefa”, afirman.

Por todo iso, considera que os feitos anteriores puidesen constituír un ilícito penal tipificado no noso Código Penal (artigos 404 e 465.1.)

O interese da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área de Vigo - SOS Sanidade Pública, desde a súa creación fai 20 anos, e composta por organizacións profesionais, sociais políticas e sindicais fundamentalmente, é a defensa da sanidade pública, da legalidade actual e do interese xeral.

1