Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 17/10/2012
A pesar da sentenza xudicial firme que recoñece unha débeda coa traballadora de 5.000 euros, “Iravedra Ingeniería” négase a abonar as soldadas
Embargados bens do despacho dun membro da dirección do PP de Lugo polas débedas contraídas cunha traballadora
O despacho de enxeñería "Iravedra Ingenieria, S.L.", propiedade dun membro da dirección do PP de Lugo, adebeda en soldadas a unha traballadora preto de 5.000€, cantidade esta xa recoñecida en sentenza xudicial firme, pero que Iravedra Lestal se nega a pagar. Esta situación levou á CIG a embargar bens do citado despacho para que co recadado en poxa dos mesmos se poida pagar a cantidade adebedada á traballadora.

Piruleta CIG

A CIG mantén un litixio xudicial co despacho de Enxeñería "Iravedra Ingenieria, S.L." propiedade do membro da Dirección Provincial do Partido Popular de Lugo e representante do PP no Consello de Administración da Compañía de RadioTelevisión de Galiza, Jose Luís Iravedra Lestal.

Dende a CIG de Lugo, sinalan que a actitude do Sr. Iravedra Lestal resulta inadmisíbel pois vén sendo reiterada e reincidente, xa que anteriormente se mantiveron procesos xudiciais con el pola mesma causa . “Por riba, a cantidade adebedada sendo moi importante para a economía dunha traballadora non é unha contía tan alta como para que non poderse facer cargo dela, senón que non pode ser máis que por actitudes de chulería e prepotencia o que o leven a esta situación”, denuncia Lois Neto, secretario comarcal de Organización.

Todo este proceso adquire maior gravidade ao ter en conta que se trata dunha persoa representante do Partido Popular nun ente público, cargo polo que cobra “un máis que digno salario, se entrar en temas de dietas, das que este señor xa ten sido triste protagonista”.

Desde a CIG de Lugo instan ao Presidente provincial do PP, Xosé Manuel Barreiro, e ao candidato popular á Xunta, Alberto Núñez Feijoo a que amosen publicamente a súa opinión sobre este caso. “Tan defensores como son da honestidade xustiza, que opinan de que un alto cargo do seu partido incumpra sentenzas xudiciais de xeito totalmente caprichoso?”, pregúntanse. A este respecto, dende a Unión Comarcal da CIG agárdase que Iravedra Lestal cumpra coas súas obrigas coa traballadora de xeito inmediato ou, no caso contrario, que sexa cesado como representante do PP no Consello de Administración da Compañia de Radiotelevisión de Galiza.

1