Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 17/10/2012
A Sección Sindical rexeita tamén a decisión adoptada por unha parte do Comité de empresa de desconvocar as mobilizacións previstas para esta semana
A CIG en Alcoa Inespal desminte que o problema coa tarifa eléctrica estea resolto e garantida a continuidade da produción
A sección sindical de CIG de Alcoa Inespal A Coruña ante a noticia da que se fan eco varios medios de comunicación a respecto de que o problema que ten Alcoa coa tarifa eléctrica actual xa está solucionado e que a multinacional anunciou que vai proseguir a súa produción normal para o vindeiro ano, quere manifestar que estas afirmacións non se corresponden á realidade.

12-09-26_ConcentracionAlcoaDelegacion_004

En primeiro lugar, explica a Sección Sindical da CIG, a Orde Ministerial que presuntamente firmou o ministro Soria o xoves pasado (11/10/2012), segundo anunciou o Presidente da Xunta de Galiza, e que garantiría un prezo competitivo da enerxía eléctrica para a industria, non é tal. De momento non é máis que unha proposta que foi enviada polo Ministerio de Industria á Comisión Nacional da Enerxía, para que esta elabore un informe preceptivo no que pode facer alegacións ou propoñer modificacións ao contido parcial ou total de dita Orde Ministerial.

En segundo lugar, a trasnacional Alcoa non se pronunciou publicamente dando por solucionado o problema e non garantiu de ningunha forma a continuidade da actividade nas fábricas de produción de aluminio que ten en Galiza. Aprazou a decisión final a finais de ano cando estea en vigor esa suposta norma, e ao resultado da negociación que ten que levar a cabo coas  compañías produtoras de  electricidade.

Así mesmo, a Sección Sindical da CIG amosou o seu total desacordo coa decisión tomada pola maioría do Comité de empresa, (co voto favorábel de CCOO e APC e o voto en contra de CIG e UGT), de desconvocar as mobilizacións previstas para esta semana, “xa que ao noso xuízo non existe garantía algunha por parte de Alcoa de retomar a produción normal da fábrica da Coruña e manter todos os postos de traballo”.

1