Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 18/10/2012
CIG, UGT e CCOO celebraron unha concentración en Ferrol en solidariedade co compañeiro Pintos e para denunciar a tortura á que foi sometido
As organizacións sindicais chaman á mobilización social para frear o recorte de dereitos e liberdades que o PP pretende impor
Ducias de persoas concentrábanse na mañá deste xoves diante do edificio administrativo da Xunta en Ferrol en defensa dos dereitos civís e contra as políticas represivas que o Partido Popular está a levar a cabo para reprimir, criminalizar e acalar aquelas organizacións e voces dispostas a facer fronte ás medidas antisociais e políticas neoliberais que nos están a impor. Na concentración, convocada pola CIG, UGT e CCOO, trasladouse o apoio e solidariedade co compañeiro Xesús López Pintos, que hai unhas semanas foi detido e torturado por exercer un dereito fundamental: a liberdade de expresión e manifestación.

12-10-18 Concentracion contra represion_031

Fronte a “represión, mobilización” foi a mensaxe que se quixo transmitir durante a celebración da concentración, coa que se quixo chamar á reflexión a respecto do retroceso inadmisíbel que estamos a vivir no tocante aos dereitos e liberdades sociais. Así, lembráronse os feitos acontecidos na noite do pasado xoves 4 de outubro, cando o co-responsábel comarcal da CIG, Xesús A. López Pintos, foi detido no marco dunha protesta e posteriormente torturado na comisaría durante varias horas.

Estes feitos, informaba o co-responsábel da CIG de Ferrol, Manel Grandal, ademais de seren denunciados publicamente, xa foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol. “Canto máis afondamos no sucedido, máis nos decatamos de non se só vulnerou a Constitución española, senón a propia Carta dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas. Isto xa é dunha gravidade estrema nun país que se di do primeiro mundo en canto ao respecto dos dereitos humanos”.

Grandal quixo agradecer a presenza dos/as compañeiros/as da CIG e as centrais sindicais UGT e CCOO, así como o apoio transmitido polos comités de Navantia e Poligal. O co-responsábel denunciou as políticas represivas que está a aplicar o PP, apuntando á última reforma do Código Penal proposta polo Ministro de Xustiza, orientada a, na práctica, limitar todo tipo de manifestación e protesta na rúa, impondo mesmo penas de cadea. “O que hai uns anos era insospeitábel que volvera darse, agora parece que xa imos no camiño dunha nova ditadura. Non só unha ditadura económica, senón un auténtico recorte nos dereitos e liberdades”, advertía.

Nese mesmo sentido se manifestaba o Secretario Confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña, ao asegurar que coa concentración se busca dar unha resposta concreta ás agresións padecidas polo compañeiro Pintos a mans da policía, “pero non o podemos ver como un feito illado”. Ao entender de Oubiña, o acontecido en Ferrol haino que enmarcar nunha estratexia global de recorte de dereitos individuais e colectivos.

O responsábel de Finanzas da CIG referiuse tamén á reforma do Código Penal impulsada por Ruiz Gallardón, co claro obxectivo de habilitar mecanismos para evitar e impedir a mobilización social contra as medidas neoliberais impostas. “O que pretenden é erradicar un dereito tan fundamental como que se poida producir esa contestación na rúa. O poder económica utiliza a policía con este fin, para crear medo e imposibilitar que ese feito necesario da contestación se poida realizar”, aseverou.

Reunión co Delegado do Goberno

O vindeiro luns, 22 de outubro, representantes das tres centrais sindicais manterán un encontro co Delegado do Goberno, a petición dos sindicatos, para abordar o acontecido na noite do 4 de outubro e esixir que se abra unha investigación para depurar responsabilidades. As perspectivas do resultado da reunión, adiantaba Grandal, non son moi esperanzadoras. “O Delegado do Goberno é o Delegado do PP, e avala, como non podía ser doutra maneira, este tipo de políticas”.

Neste senso, o representante sindical incidiu na importancia de que dende todas as organizacións sindicais se entendeu que non estamos ante uns feitos que impliquen só á CIG, senón que sucederon no marco dunha protesta convocada por dous comités de empresa en defenda do dereito a un traballo.

“Aquí vese claramente a inquina que ten o Partido Popular cara a CIG, porque somos os que estamos respondendo coa mobilización ás medidas de recortes e estamos propondo alternativas. Creo que unha das cuestións que lle influíu ao PP para actuar deste xeito é que tivemos a valentía de non agocharnos e incidir de verdade na campaña electoral”, aseverou, para concluír cun contundente “Hai que botalos!”.

Manifesto contra a represión

Durante o acto de protesta, Elvira Souto, foi a encarga de dar lectura a un manifesto contra a represión que reproducimos a continuación:

Os acontecementos vividos en Ferrol estes días mostran até que punto chegou xa o proceso de lenta, mas inexorábel, limitación do exercicio dos dereitos civís no Reino de España e revela tamén que sectores sociais van ser os máis prexudicado desta deriva anti-democrática.

Non se trata dun fenómeno radicalmente novo. Máis até hai un par de anos, o progresivo enfraquecemento do estado de dereito non era percibido pola grande maioría do corpo social porque os poderes, cautelosamente, parecían dirixir a súa actuación unicamente contra colectivos que, ben sexa pola sua situación de vulnerabilidade e exclusión social, ben por eles mesmos recorreren a formas violentas para defender as súas reivindicacións, ficaban un pouco à marxe do percorrer cotiá da maior parte da sociedade.

Mais a explosiva situación que propiciou a actual crise veu pór de manifesto que ese enfraquecemento do estado de dereito, esa limitación continuada das liberdades que se practicaba sobre todo contra aqueles que a popria sociedade marxinaliza, era o máis eficaz dos instrumentos con que contan os poderes políticos e económicos para facer fronte as mobilizacións con que os sectores máis combativos da sociedade tentan impedir o naufraxio dos dereitos sociais tan arduamente conquistados nas últimas décadas.

A técnica ideolóxica é a mesma: converter o "diferente" en inimigo para negar os seus dereitos  impunemente. Criminalizar a vítima e tratala como un caso excepcional no estado de dereito: antes o migrante, agora o militante sindical que denuncia a política económica fraudulenta, inxusta e antisocial.E isto levado a cabo coa complicidade de colectivos e individuos que se prestan a facer o traballo sucio do estado: axentes que reprimen con saña mobilizacións de traballadores sabendo que non serán identificados porque actúan nun anonimato ilegal consentido polos superiores, funcionarios que maltratan persoas no interior dos centros de detención, membros da xudicatura que non investigan denuncias por tortura, médicos forenses que non certifican lesións infrinxidas a persoas baixo custodia do estado ou agredidas por membros das forzas policiais...

O Reino de España acumula inumerábeis condenas de organismos internacionais polas condicións en que reclúe as persoas detidas e a pasividade á hora de investigar casos de torturas denunciados polas vítimas. O Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo condena unha e outra vez o Reino de España por non actuar contra estes abusos e non pór fin á impunidade. A última destas condenas aínda non fixo unha semana.

Hoxe estamos aquí para denunciar o caso do compañeiro Pintos. Que no exercicio de un dereito fundamental, a liberdade de expresión e manifestación, acompañando solidariamente aos compañeiros e compañeiras de Navantia e Poligal, na demanda de traballo, tamén dereito básico e fundamental, foi detido dentro dunha actuación policial desmedida, sen sentido, e provocada polos señores do PP, e máis en concreto polo Alcalde, Xosé Manuel Rey, e o Deputado Diego Calvo.

Actuación que rematou co compañeiro nas dependencias de comisaria onde sufriu maltrato continuado contra a súa integridade física e moral. Iso so ten un nome : TORTURA.

Desde logo, amigas e amigos, se este Goberno do PP, pensa que con estas medidas nos vai amedrentar, todo o contrario, reafírmanos máis no camiño desa vella consigna, “contra a represión, mobilización”, porque se algo temos gravado na memoria desta comarca, onde só pasaron poucas décadas do derramamento de sangue de traballadores na defensa da democracia, é que “ a liberdade ten un custo”, que saiban que estamos dispostos a enfrontar.

Non nos enganemos. Un estado de dereito débil é a mellor garantía dun estado social en retroceso. Son vasos comunicantes e eles saben ben que canto máis baixa o nivel do vaso das liberdades fundamentais, máis baixa o nivel do vaso dos dereitos sociais.

Ferrol, 18 de outubro de 2012

1