Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 19/10/2012
Considera que houbo complicidade por parte do Banco de España
A CIG reclama que a investigación contra os exdirectivos de novacaixagalicia se amplíe á xestión e a outros exdirectivos
O 5 de outubro do 2011, ante a alarma social provocada pola actuación dos exdirectivos de novacaixagalicia, a CIG presentou unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado, para que se investigase a súa actuación. Hai un ano, o 19 de outubro do 2011, a Fiscalía Xeral do Estado daba instrucións á Fiscalía Anticorrupción para que procedera a investigación dos feitos. O 25 de xuño do 2012 a Fiscalía Anticorrupción presentaba unha querela diante da Audiencia Nacional contra os exdirectivos, que nestes días están sendo citados a declarar.

CIG-Banca, cobróns

Ao mesmo tempo que se formulaba a denuncia na Fiscalía Xeral do Estado, a CIG presentou unha denuncia no Banco de España para que procedera a apertura dun expediente contra os exdirectivos, solicitude que non foi atendida. A situación actual do proceso demostra que a actuación do Banco de España foi de total complicidade coas cúpulas directivas das Entidades Financeiras.

Pero non só é criticable a actuación do Banco de España, organismo que sempre se destacou como defensor dos recortes laborais e sociais, senón tamén da Xunta de Galiza, que tiña capacidade sancionadora conforme a Lei de Caixas de Aforros aprobada no Parlamento Galego e do Goberno Central, que tiña pleno coñecemento das actuacións e situación da Entidade a través da representación do Ministerio de Economía no FROB.  A súa pasividade cómplice foi evidente e só a denuncia da CIG permitiu que hoxe a xustiza actúe coa fin de esclarecer os feitos.

Malia a Fiscalía abrir a investigación a instancias da CIG, a día de hoxe a central sindical non recibiu ningún tipo de información sobre o proceso e mesmo posta en contacto coa Fiscalía, esta non contestou.

Ampliación da investigación

Aínda así, a CIG considera que a investigación é positiva, pero reclama unha ampliación da investigación, conforme á denuncia presentada, sobre a xestión da Caixas de Aforros Galegas e a actuación doutros exdirectivos e dos seus familiares implicados na mesma, que ademais percibiron tamén indemnizacións multimillonarias.

Por último e ante o proceso de Resolución Ordenada do Grupo NCG Banco SA, as central sindical non esquece que o candidato do Partido Popular, Alberto Nuñez Feijoo repetiu insistentemente que novacaixagalicia era solvente, (hoxe argumenta o mesmo sobre a situación financeira da Xunta de Galicia) e que puxo así en perigo milleiros de postos de traballo. Por iso esixe, unha vez máis, a súa implicación para o mantemento dos 6.000 empregos directos na Galiza. Débenolo.

1