Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 19/10/2012
Aumentan significativamente nos casos de cancro de próstata, o que está a causar un grave problema asistencial
CIG-Saúde denuncia que as deficiencias no servizo de Radioterapia do CHUS están a provocar o aumento das listas de espera
A CIG-Saúde da comarca de Compostela denuncia que no Servizo de Radioterapia do CHUS o persoal é insuficiente, as máquinas achéganse aos 10 anos e retiráronse os medicamentos inhibidores de tumores. Deficiencias, que están a provocar un  aumento significativo das listas de espera, sobre todo nos casos de cancro de próstata. Aseguran que isto está a causar un grave problema que pon en perigo a saúde dos doentes.

Acelerador liñal

Segundo a CIG-Saúde a dotación de persoal neste servizo é insuficiente comparado con outros hospitais, malia o incremento de doentes ano tras ano e as máquinas van cumprir os 10 anos de servizo, o que fai que aumenten as reparacións, cun mantemento técnico en días asistencias que se podería facer en fins de semana, como noutros hospitais e sen afectar a actividade diaria. Por iso reclaman que se invista nunha nova máquina, para dar resposta á demanda que hai.

Do mesmo xeito, denuncian a retirada de medicamentos inhibidores de tumores, debido ao seu custo, o que unido ás outras deficiencias fai que a demora nos tratamentos incumpran os prazos e as condicións indicadas nos protocolos. “Isto produce un aumento nos tratamentos de quimioterapia e diminúe a eficacia na atención producindo unha merma moi importante na resposta e no prognóstico da patoloxía, chegando ao falecemento dalgúns doentes en lista de espera para a primeira consulta.

A CIG-Saúde denunciou esta situación en febreiro e ten constancia de que tamén foi denunciada por asociacións de doentes de cancro. “Todo isto é debido aos recortes que se están a producir na sanidade. Por iso solicitamos que, dunha vez por todas, se preste a debida asistencia que precisan e merecen todos os cidadáns”.

1