Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 19/10/2012
Demandan a homoxeneización das súas condicións laborais, como exixe a lei
Bombeiros de toda Galiza concéntranse diante da Dirección xeral de Emerxencias en demanda de estabilidade laboral
Este venres, bombeiros chegados de toda Galiza concentrábanse diante da Dirección Xeral de Emerxencias, en Compostela, para exixir solucións á inestabilidade laboral que padecen e que se corrixan as situacións de desigualdade existentes mediante a homoxeneización, tal e como estabelece a Lei de Emerxencias de Galiza.

12-10-19 bombeiros 001

Nesta Lei, aprobada no ano 2007, estabelecíanse prazos de tempo para homoxeneizar as condicións de traballo dos bombeiros de Galiza, estipulándose un período de 3 anos, para acadar esa regularización. A quen lle correspondería ter regularizado a súa situación era a administración autonómica.

Explican que unha parte dese cometido si o fixo, mediante a redacción de pregos de condicións aos que se teñen que acoller as empresas xestoras do servizo. Porén, desde a publicación da Lei, “non houbo dous pregos iguais”, denuncian.

CIG, CCOO, UGT e SIB-Galicia están tratando de conseguir unha mesa de negociación entre as empresas e os traballadores na que poder enmarcar as condicións de traballo a nivel autonómico, buscando así cumprir dalgún xeito coas obrigas que lle corresponden á propia administración.

E é que en máis do 85% dos concellos de Galiza –única comunidade do estado onde se dá esta situación- ofrécese un servizo público de bombeiros, con persoal contratado por empresas privadas que xestionan os servizos de extinción e salvamento. O 15% restante é atendido polos parques de bombeiros das grandes cidades.

O seu obxectivo, con esta concentración, é, xa que logo, que se solucionen dunha vez por todas os problemas de inestabilidade laboral e de desigualdade existentes no sector, onde en función da empresa para a que traballen teñen unhas condicións sociais e profesionais ou outras.

1