Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 25/10/2012
Neste senso, Manel Grandal, co-responsábel da CIG de Ferrol criticou a postura mantida na reunión pola Xunta de Galiza, xa que logo de aparecer na prensa defendendo a viabilidade técnica, económica e xurídica do proxecto e subliñar a necesidade da construción do dique, agora “sae con que non lle vale a parte económica e que para comprometerse no financiamento do dique hai que rebaixar o custe total”.
Pola súa banda, a SEPI deixa a responsabilidade da decisión no tellado da Unión Europea, apuntando a que se fará unha consulta a Bruxelas sobre a legalidade do dique flotante. “O xogo está en botarlle a culpa a Joaquín Almunia”, valoraba Grandal, en referencia ao cargo que ocupa o político socialista como comisario de Competencia da UE.
Logo de 50 días de atraso, un mes de peche no Concello de Ferrol e case dous anos de intensas mobilizacións, o sector naval continúa sen un volume de carga de traballo que permita manter os niveis de emprego (queda aínda por comprobar a veracidade do contrato de construción dos famosos buques hoteis de Pemex) e sen o visto bo para o novo dique flotante. Unha infraestrutura que, non se cansan de lembrar dende a Sección Sindical da CIG en Navantia, constitúe “unha ferramenta necesaria” que permitiría ter ocupación inmediata mentas non se concretan novos contratos.
Ademais, levantar o novo dique resulta imprescindíbel para continuar no mercado de reparación de buques, máxime tendo en conta que países como Francia están competindo coa carga de traballo de Carenas ao dispoñer dun dique de maiores dimensións. “Non construír o dique suporía que Carenas de Navantia quede atadas as mans e fóra do mercado de reparacións”, advirten.
1