Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 26/10/2012
A Mesa subliña que a política de ataques contra o noso idioma está a vulnerar tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos
O Consello de Europa critica con contundencia a política lingüística de Feijóo, sobre todo por reducir o galego no ensino
O Consello de Europa vén de dar a coñecer un relatorio sobre a aplicación en Galiza da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no que critica con contundencia a “redución gradual” do ensino en galego “en todos os niveis” e lembra que a obriga dos poderes públicos é garantir liñas educativas nucleadas no idioma propio de Galiza. Dende a Mesa pola Normalización Lingüística lamentouse que este relatorio “non se coñecese antes das eleccións”, pois “demostra de forma palpábel que existe unha distancia enorme entre a propaganda do equilibrio lingüístico que vende Feijóo de forma falaz e a dura precariedade en que se encontran os dereitos das e dos falantes de galego”.

09-03-04 ensino galego

O Comité de Expertos do Consello de Europa aborda no seu relatorio diversos aspectos da comunidade lingüística galega, mais detense con maior intensidade no relativo ao sistema educativo. Así, o organismo internacional critica especialmente a “redución gradual” do ensino en galego “en todos os niveis” e lembra que a obriga dos poderes públicos é garantir liñas educativas nucleadas no idioma propio de Galiza. Ademais, apuntan que o modelo do chamado “decreto de plurilingüismo” imposto por Feijóo contra o criterio da comunidade educativa non debe afectar á media de presenza do galego na escola, como si está a facer.

Nestes momentos, nas estimacións máis optimistas, só o 20% do ensino non universitario se desenvolve en galego e que só o 3% dos centros de infantil das cidades declaran impartir as aulas na lingua do país. Ningunha outra lingua oficial no Estado español se encontra cunha situación tan limitada.

Dende a Mesa pola Normalización Lingüística lamentouse que este relatorio “non se coñecese antes das eleccións autonómicas”, pois “demostra de forma palpábel que existe unha distancia enorme entre a propaganda do equilibrio lingüístico que vende Feijóo de forma falaz e a dura precariedade en que se encontran os dereitos das e dos falantes de galego”.

Así e todo, o Presidente da Mesa, Carlos Callón lembrou que “gañar as eleccións non fai que as mentiras se  convertan en verdade” e reclamou que o novo goberno autonómico “rectifique dunha vez e pase a respectar os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”. “Feijóo non debería caer na tentación de continuar igual despois desta advertencia do Consello de Europa: gañar as eleccións non o converte en monarca absoluto que poida desprezar os nosos dereitos”, apunta.

O Consello “aplaude” a promoción do catalán e vasco

Mentres os expertos europeos “aplauden” a promoción do catalán e do vasco nos seus territorios, detéñense a criticar a redución da presenza do galego nestes anos tanto no ensino como na administración ou nos medios de comunicación. Nisto último, rexeitan a desaparición do único diario que existía en galego, durante a pasada lexislatura, e critican que aínda non haxa ningunha radio ou televisión privada que emita no idioma de Galiza para todo o territorio galego, tal e como estipula a Carta Europea das Linguas.

Por outra banda, o Comité de Expertos tamén se detén na vulneración de dereitos lingüísticos no sector da Xustiza, no cal o PP ordenou a modificación do programa informático, que impide nestes momentos usar o galego con normalidade nas xestións administrativas máis habituais.

Carlos Callón pide que “a Xunta escoite o Consello de Europa e respecte este tratado internacional, respecte a lingua que nos une como galegas e galegos”. De non o facer, o dirixente da Mesa apunta que “desde o movemento cultural galego continuaremos a batallar con ánimo e enerxía, porque sabemos que estamos a defender unha causa xusta e necesaria, como é a liberdade de podermos utilizar o noso idioma no noso propio país”.

Consulta aquí o relatorio completo.

1