Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 26/10/2012
O número de persoas desempregadas en Galiza é de 264.000, situando a taxa de paro no 20,13%. Experiméntase un incremento da ocupación, respecto do trimestre anterior de 14.000 persoas. Porén, respecto do mesmo período de 2011, hai un total de 39.300 persoas menos ocupadas.
Todo o emprego creado neste trimestre, que coincide co período estival, correspóndese co sector servizos, o que dá unha idea da súa estacionalidade. Xunto a isto, o feito de que toda a contratación fora temporal, constata a fraxilidade do mercado de traballo. Tal é así, que a contratación indefinida baixou en 7.700 persoas, mentres que a temporal se incrementou en 18.000.
Os datos da EPA revelan, xa que logo, que se está a destruír o emprego en sectores clave para a economía galega, como o de Industria, que non depende de condicións climatolóxicas e que é o que pode favorecer o crecemento e fixar poboación.
A mocidade segue a ser a máis castigada. De feito, a taxa de paro entre as persoas menores de 25 anos alcanza o 46,4%.
Xuto a isto, non deixan de ser preocupantes os datos de fogares con todos os membros en paro. Se ben sufriu un leve descenso respecto do trimestre anterior, o certo é que respecto do ano pasado, o número de fogares con polo menos un activo e nos que todos os activos están no paro é de 7.500, co que se incrementou en 14.500.
1