Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 26/10/2012
Coincide coa convocatoria a nivel de estado con CCOO e UGT e noutros países periféricos da UE como Portugal
O Consello Confederal ratifica a decisión de convocar folga xeral para o 14 de novembro
O Consello Confederal da CIG vén de ratificar a decisión da Executiva de convocar folga xeral para o 14 de novembro, coincidindo coa data acordada noutros países da periferia europea, como Portugal, e a nivel estatal, con CCOO e UGT. O Consello Confederal reitera a necesidade de continuar coa mobilización social dada a dureza das políticas do PP e do seu carácter “profundamente antisocial e antiobreiro”.

12-10-26 Consello Confederal

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que “imos á folga xeral con todas as consecuencias, conscientes de que as políticas que está a adoptar o PP requiren deste tipo de respostas” e lembrou que a central sindical viña reclamando a necesidade desta convocatoria. “Eramos partidarios de que fora xa no mes de setembro, coincidindo coa que se convocaba en Euskadi, para responder ás medidas adoptadas polo goberno durante os meses de verán. Políticas de recorte de dereitos moi duras que nos están a levar a unha situación e a unhas condicións de precariedade e de empobrecemento da poboación intolerábeis”.

Iso non foi posíbel, subliñou, porque a CCOO e UGT non lles parecía a data máis adecuada. Por iso a CIG avaliou esta situación e acordou agardar, xa que, pola súa parte había o compromiso de que se convocaría no mes de novembro a nivel de estado. “Consideramos que a resposta tiña que ser o máis masiva posíbel, porque cantas máis organizacións sindicais participen na convocatoria, máis posibilidades teremos de que a participación sexa, a nivel cuantitativo, máis importante”.

A central sindical valora moi positivamente que CCOO e UGT acordaran sumarse á convocatoria de folga e mesmo sindicatos de países da periferia de Europa, porque “estas medidas veñen decidas desde o BCE e da Comisión Europea e o que está a facer o PP, na medida en que coincide cos seus presupostos ideolóxicos, é levalas adiante con toda a dureza”.

A CIG considera que para 2013 empeorarán aínda máis as condicións laborais e sociais e que se incrementarán as políticas de axuste. “Parécenos máis necesario que nunca continuar con esta dinámica mobilizadora e dar unha resposta con convocatorias de folga xeral as veces que sexa necesario, para parar estas políticas e forzar aos gobernos a facer outras distintas, que garantan que imos saír da crise, pero non de calquera maneira, senón favorecendo os intereses da clase traballadora”, afirma Seixo.

Respecto do impacto que puideran ter os resultados electorais no éxito da convocatoria, o secretario xeral sinala que moitos galegos e galegas “aspirabamos a que o PP perdera a maioría absoluta na Xunta de Galiza e estou convencido de que moitos e moitas entendiamos que o PP o único que está facendo é servir de correa de transmisión do que marca o BCE e o vai seguir facendo con dramáticas consecuencias para o noso país”, entre as que sinalou o deterioro do no noso tecido produtivo, da rede de servizos sociais e mesmo a marcha que se está a producir de mozas e mozos a outras partes de Europa. “Mozos e mozas cunha formación profesional e académica importante que tiñan que estar aportando todo ese coñecemento ao desenvolvemento económico e social do noso país”.

Malia recoñecer o estado xeralizado de decepción ante a revalidación da maioría absoluta, Seixo subliñou que, en todo caso, os apoios que ten o PP andan arredor do 25% da poboación galega, polo que considerou que “non  pode facer o que lle dea a gana”.

Xunto a isto lembrou a perda de miles de votos e o feito de que alí onde se lle deu unha maior contestación ás políticas do PP, nas cidades e nas grandes vilas, esa perda de apoios foi aínda maior. “Quere dicir que a política de contestación social que se está a facer si está a incidir en certos sectores e na perda de votos, cando menos nos sectores máis conscientes da sociedade galega”. Por iso, convidou a seguir mobilizándose para tratar de chegar ao resto das galegas e galegos “moi influenciados polos medios de comunicación, polo enorme poder institucional e caciquil, para dicirlles que aquí votar ao PP é un suicidio para o noso pobo, que levará a Galiza a unha calella sen saída, ao empobrecemento das clases populares e a perda de dereitos laborais e sociais”.

1