Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 30/10/2012
A central sindical presentou un informe alternativo solicitando a retirada do anteproxecto de reforma educativa e que se abra un amplo debate social
A CIG-Ensino xunto cos outros representantes sindicais, estudantís e de pais e nais abandonan o Consello Escolar do Estado
A CIG-Ensino e o resto de organización sindicais, estudantís, de pais e nais e membros da Federación de Municipios e Provincias -aproximadamente o 40% dos membros que forman parte do Consello Escolar do Estado- abandonaron hoxe conxuntamente a reunión do organismo diante do atentado sen precedentes á liberdade de expresión que se produciu ao impedir o debate dun dos informes alternativos ao da Permanente do Consello Escolar sobre o anteproxecto de Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

12-06-27 Plataforma Galega en defensa ensino publico 002

“É un feito insólito que non se ten producido en todos os anos de funcionamento do Consello Escolar con Gobernos de diferente signo. É máis que preocupante que se negue o debate e se persigan as ideas e ideoloxías que non concordan coas do PP”, denuncia o Secretario Nacional, Anxo Louzao, logo de abandonar o Consello Escolar do Estado, do que forma parte en representación da CIG.

A CIG-Ensino presentou un informe alternativo ao documento da Permanente do Consello Escolar do Estado e un total de 83 emendas ao anteproxecto de LOMCE. “Esiximos que se retire e que se abra un amplo debate social para dar un xiro de 180 grados a esta reforma”, engade Louzao.

No seu informe alternativo, a CIG-Ensino pide ao Goberno do Estado a retirada do anteproxecto para a reforma educativa porque supón  unha nova intromisión nas competencias das institucións galegas, non responde ás necesidades educativas de Galiza e está ao servizo de intereses económicos e ideolóxicos. Para a CIG-Ensino o procedemento foi totalmente antidemocrático e non se posibilitou a participación real dos diferentes axentes educativos.

En canto aos seus contidos, a CIG-Ensino considera que, sen realizar ningún diagnóstico serio e tomando como escusa o fracaso escolar, se propoñen cambios de gran calado que poñen en cuestión o dereito universal á educación, invaden competencias das comunidades autónomas, crean centros de elite e liquidan a xestión democrática dos centros. Estamos ante un novo ataque ás institucións e competencias galegas e un novo intento de centralización e españolización.

Trátase dun proxecto para pór a educación ao servizo dos mercados e das necesidades das empresas que conforma un sistema máis clasista, selectivo e que segrega coa pretensión de expulsar do mesmo os  fillos e fillas das clases populares, menosprezar o profesorado recortando os seus dereitos laborais e profesionais, eliminar a xestión democrática e reforzar a confesionalidade da educación en centros que segregan ao alumnado por razón de sexo. Moito nos tememos que, tendo en conta os recortes impostos nos últimos anos, tras a reforma se agache tamén a intención do goberno de Madrid de recortar aínda máis a educación (recorte de persoal, supresión de materias, ampliación das funcións e a posibilidade de desprazamento, amortización prazas, aumento do número de alumnos/as por aula, etc.). Esta auténtica contrarreforma educativa faise en función de intereses ideolóxicos e económicos e buscar uniformar o estado ideolóxica, política e culturalmente.

Igualmente, tal e como manifestou con anterioridade, a CIG-Ensino pide ao novo Goberno galego que fagan fronte a este novo ataque á nosa capacidade para construír o sistema educativo que queremos os galegos e galegas que de ningunha maneira apliquen recortes nas nosas competencias nin reforma regresiva algunha. Á súa vez, chama a toda a sociedade galega, aos axentes educativos e traballadores e traballadoras de educación a que fagan fronte a este novo ataque e a defender as nosas competencias en educación e os nosos dereitos e condicións laborais e sociais.

1