Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 30/10/2012
Cómpre lembrar que no momento de presentar o ERE de extinción, a empresa xa tiña vixente outro ERE de suspensión para case 120 traballadores/as, tamén baseado en causa económicas. Amparándose nas facilidades introducidas pola lesiva reforma laboral do PP, a compañía aproveitou para propor paralelamente un despedimento colectivo, aducindo previsión de perdas no futuro.
E isto, a pesar de que o ERE de suspensión só fora aplicado a 20 operarios/as –por mor da carga de traballo existente- e a empresa tiña acumuladas xa 5.000 horas extraordinarias que o persoal non disfrutara.
Como era de agardar, o período de consultas rematou sen acordo, polo que o Comité e as organizacións sindicais con representación (UGT, CCOO e CIG) presentaron denuncia no TSXG, que agora recoñece que os despedimentos son improcedentes ao non quedar acreditada a causa legal defendida pola empresa e condena a Arias Hermanos a readmitir ao persoal afectado ou a pagarlles unha indemnización de 45 días por ano traballado. Ademais, da resolución xudicial despréndese que resulta contrario a dereito que se adopte un ERE extintivo durante a vixencia dun ERE suspensivo.
En canto ao contido da sentenza, hai que subliñar tamén que o TSXG, a diferenza doutros Tribunais Superiores, non considera causa de nulidade a infracción dos requisitos formais do RD 801/2011, senón só as recollidas no artigo 51.2 do Estatuto de Traballadores, referidas á obrigatoriedade de iniciar un período de consultas coa parte social para buscar alternativas, presentar a documentación acreditativa necesaria completa ou a boa fe das negociacións.
A Federación de Construción e Madeira da CIG na Coruña valora positivamente a resolución do TSXG, pois semella que “finalmente a xustiza entende que o regresivo paquete de medidas laborais decretadas polo Goberno do PP só están a servir para despedir arbitrariamente a traballadores e traballadoras, empregando para despedir argumentos abstractos recollidos na reforma laboral, como o feito de prever perdas”.
Para Victorino Ares, secretario comarcal da FCM-CIG, a empresa debería ter recorrido a outro tipo de medidas antes de executar un ERE extintivo, tais como a aplicación efectiva do ERE de suspensión ou a limitación das horas extraordinarias. Dado ademais, que dende a central sindical se entende que o ERE se debía máis a un problema interno no Consello de Administración, xa que polas mesmas datas foi despedido o ex-presidente de Arias Hermanos e agora accionista minoritario, Antón Arias.
Abundando nesta cuestión, a CIG denuncia o abuso indiscriminado da reforma laboral que se está a facer por parte da patronal para despedir a centos de traballadoras e traballadores de xeito barato e sinxelo, aínda cando non existen causas reais para as extincións. Así mesmo, lanza unha chamada de atención sobre a pasividade da patronal á hora de manter á fronte das súas organizacións e asociacións a persoas que desfixeron as súas propias empresas amparándose precisamente na reforma laboral.
1