Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 31/10/2012
Eloy Gutiérrez Menoyo: espía de Franco?
Xurxo Martiz Crespo
Unha das últimas fotos de Gutiérrez Menoyo na súa residencia en La Habana.jpg

Unha das últimas fotos de Gutiérrez Menoyo na súa residencia en La Habana.

A vitoria de Fidel en 1959 fai renacer o apoia á causa republicana contra a ditadura fascista de Franco. En La Habana fundan o Frente Único Democrático Español (FUDE). Este únese á Unión de Combatientes Españoles (UCE), do xeneral cubano-republicano Alberto Bayo e é nomeado como coordinador xeral, Abderramán Muley Moré, baixo o nome de «Manuel Rojas».  

 En Caracas outro grupo da UCE, dirixido polo nacionalista galego Xosé Velo, racha con Bayo debido ao seu devezo de protagonismo. Así a UCE   desaparece cunha sospeitosa «axuda» do propio Abderramán Muley. 

 Coa súa desaparición en 1959 nace en Caracas  o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL). Xosé Velo será o responsábel por América Latina e Abderramán Muley o contacto en Cuba, despois de destruír a UCE. Asemade, o comandante revolucionario Eloy Gutiérrez Menoyo crea o Exército Español de Liberación (EEL), movemento de carácter anticastrista, despois de serlle nacionalizados os dous clubs nocturnos Club Elio’s, que tiña en La Habana.

 Abderramán Muley é o home de confianza de Gutiérrez Menoyo,  incluso era o seu secretario mentres exercía como coordinador xeral do DRIL. Con este título adoitaba viaxar a París e a Caracas. Gutiérrez Menoyo propón integrar a súa organización, ELE,  no DRIL, razón pola que amaña unha xuntanza en 1960 na vila belga de Liexa, á que, ademais de Menoyo e Abderramán (Manuel Rojas), debían asistir os delegados do DRIL de Europa, Estado español e Venezuela (Só asistiron os do Estado español). Todos os asistentes, catorce ademais de Menoyo e Muley, foron detidos pola policía belga por solicitude das autoridades diplomáticas españolas baixo a acusación de terrorismo e subversión.  

 O Estado español franquista pide a extradición, pero debido ás revoltas dos mineiros de Liexa e as protestas dos parlamentarios socialistas e comunistas, unido á forte presión mediática antifranquista en Europa, todos foron postos en liberdade seis semanas despois da detención, salvo Menoyo e Muley, que estiveron apenas 48 horas detidos e foron liberados sen que as autoridades españolas alegaran ren contra a liberdade dos dous.

 No titulado «Informe chegado de Cuba» do DRIL cubano ao venezuelano, en 1961, descóbrese que Manuel Rojas, Abderramán Muley, era un espía franquista, e malia non citar a Menoyo, os feitos de Liexa e a detención e morte (un sentenzado a garrote vil)  de membros do DRIL no Estado español, son indicio da filtración da organización por axentes de Franco.

 Eloy Gutiérrez Menoyo, ex comandante da revolución cubana, alcumado «el gallego» (nacera en Madrid en 1934) non tardou en pasar ás filas contrarrevolucionarias unha vez que triunfou a revolución que el mesmo axudara a triunfar na serra central de Escambray. Ninguén,  nas diversas notas xornalísticas necrolóxicas, tocou o seu dubidoso pasado antifranquista. 

 

[A Coruña, 30 de outubro de 2012]