Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 31/10/2012
A sesión plenaria retomouse hoxe despois de que o pasado luns fose suspendida polo alcalde tras as protestas dos afectados/as, ás que tamén se sumaron as reivindicacións da plataforma Stop Desahucios. Nesta ocasión os controles policiais intensificáronse para evitar que as persoas que ocupaban as bancadas do público introducisen carteis alusivos ao conflito laboral entre o Goberno local e os empregados/as despedidos/as da contrata de mantemento do instituto municipal.
Con todo, algúns deles/as conseguiron acceder ao salón de plenos con carteis que despregaron durante a sesión. Aínda que nesta ocasión as protestas non alcanzaron o ton do luns, xa que o esaxerado despregue policial ordenado polo rexedor vigués do PSOE facía presaxiar que serían desaloxados á primeira ocasión. Deste xeito, os berros reclamando unha solución ao conflito só se escoitaron ao remate da sesión.
Dende a federación de Servizos da CIG criticaron a actitude do alcalde e adiantaron que a problemática laboral prolongarase no tempo no caso de que os responsábeis municipais non opten por atender as demandas dos afectados/as. Ao mesmo tempo, reclamaron a convocatoria do consello reitor do IMD para abordar o conflito iniciado tras o despedimento de 11 persoas.
1