Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 31/10/2012
Contra as políticas de recortes, a reforma laboral e en demanda de políticas radicalmente distintas, que reactiven a economía produtiva pagando máis quen máis teñen
CIG, CCOO e UGT formalizan a presentación da folga xeral para o 14 de novembro
Os secretarios xerais da CIG, CCOO e UGT formalizaron esta mañá, no rexistro xeral da Xunta de Galiza, en San Caetano, a presentación da convocatoria de folga xeral para o día 14 de novembro, coincidindo coa data na que están convocadas folgas xerais e mobilizacións noutros países da periferia da UE. Quérese así dar unha resposta masiva contra as políticas de recortes, exixir a retirada da reforma laboral e demandar outras políticas económicas que procuren a reactivación da economía.

12-10-31 rexistro folga xeral 14-N

No acto de presentación da convocatoria, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo subliñou o delicado momento no que estamos que “exixe medidas de forza para rexeitar estas políticas de axuste e de recortes” que, advertiu, “non van parar”, como se tira dos propios orzamentos do estado para 2013, nos que denunciou que se destina “unha enorme cantidade de recursos públicos a pagar os xuros da débeda pública no canto de destinalos a reactivar a economía, que é o que se precisa neste intre”.

Por iso considerou que o panorama é “altamente preocupante” e fixo un chamamento ás galegas e galegos a mandar unha mensaxe clara, tanto ao goberno español como ao goberno galego de que non se pode continuar con políticas que favorecen a aqueles que nos levaron a esta situación, o capital financeiro e especulativo que, denunciou, “segue a ser o que manda, define as políticas da UE e benefíciase nesta situación”.

O secretario xeral da CIG valorou positivamente as convocatorias de folga xeral noutros países, fundamentalmente nos periféricos, porque son precisamente os que están a sufrir as consecuencias máis duras da crise e da especulación coa débeda pública, para que “a propia UE tome nota de que este non é o camiño”.

Neste sentido, reclamou do BCE outro papel, para acabar coa especulación coa débeda, que “é consentida” polo propio organismo e para acabar así coa “xustificación destas políticas de recortes tan duros que están a adoptar os diferentes gobernos”.

Asegurou que hai solucións e denunciou que se non se poñen en marcha “é porque se está gobernando en función dos intereses da banca e dos especuladores e non en función dos intereses da maioría”.

En todo caso, lamentou os resultados electorais do 21-O por considerar que é unha desgraza para Galiza que siga gobernando o PP e lembrou que o propio presidente da Xunta, vén de asegurar que estamos nunha situación moi boa para saír da crise cando “hai datos que demostran que o futuro que nos agarda é profundamente preocupante”.

A este respecto sinalou o deterioro tremendo do noso tecido produtivo e a emigración de miles de mozas e mozos “cando era fundamental que aportaran os seus coñecementos e, polo tanto, valor engadido axudando ao desenvolvemento do noso país”.

Xunto a isto, alertou do proceso de recentralización do estado que considerou que “nos vai prexudicar  gravemente”. Un problema do que entende que se decataron en Euskadi e Catalunya, onde se está a apostar por “camiñar cara outras alternativas e reivindicar a soberanía para o seu país, porque seguir nas mans do goberno español é seguir nas mans da banca europea e alemá”.

Tamén fixo referencia ao anuncio de presentar EREs na administración pública, o que cualificou como “unha barbaridade”, ao actuar a propia administración como “xuíz e parte”. Lembrou que a CIG vén advertindo, desde que comezou a crise, de que pola vía do recorte do investimento e do gasto público, cada vez esa situación de deterioro da nosa economía vai a máis e apostou pola súa reactivación “incrementando o gasto público, conseguindo recursos para as administracións públicas, para o estado, pero metendo man en quen os ten, que son as grandes fortunas e as rendas máis altas”. Fronte a isto, denunciou que a vía máis fácil é a dos EREs “para deteriorar os servizos públicos e ao tempo xustificar a privatización dos mesmos”.

Fronte a isto, asegurou que se se queren tomar en serio os recortes “hai moito por onde recortar” como “as aportacións da igrexa” e afirmou que “postos a recortar en gasto público, había que prescindir do goberno español, se ao final quen nos goberna é a señora Merkel”.

Ante un futuro que se presenta como “preocupante”, fixo un chamamento a aqueles cidadáns e cidadás que non votaron polo PP, que optaron por outras opcións, que votaron en branco ou que se abstiveron, para que “atendan ao chamamento das organizacións sindicais e saian masivamente á rúa e a secundar a folga do 14 de novembro”, rematando cun “estou seguro de que será así”.

1