Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 31/10/2012
A este respecto, a CIG-Autonómica apunta que o momento elixido para lanzar este anuncio non foi ao azar. Cómpre lembrar que o pasado venres foi aprobado polo Partido Popular no Consello de Ministros o Real decreto 1483/2012, que dá luz verde ao despedimento de persoal laboral, incluído o persoal laboral fixo. No dito decreto, publicado no BOE do 30/10/2012, nin sequera se lle garante ao persoal laboral fixo unha preferencia de permanencia.
Tampouco se garante a causalidade dos despedimentos que vaian realizar, xa que a propia Administración poderá producir os motivos económicos ou organizativos que lexitimarán o ERE, explica o responsábel da CIG-Autonómica, Fernando García.
Para a CIG Administración Autonómica, o anuncio de Alberto Núñez Feijoo suscita multitude de dúbidas sobre que vai acontecer co persoal laboral non incluído na cifra de 6.000 funcionariábeis, se aí está comprendido todo o persoal laboral fixo, ou a que se refire o Presidente da Xunta cando fala do persoal laboral que superou “unha proba”.
“Unha cousa é apoiar a unificación do vínculo xurídico do conxunto dos empregados/as públicos/as da Xunta dándolle a todos a relación estatutaria de funcionarios/as, e outra moi distinta é que se funcionarice a uns e se deixe no aire ao resto do persoal laboral fixo, servíndolle de escusa ao Goberno de Feijoo para a privatización de todos os servizos prestados polo persoal que fique fóra da hipotética funcionarización”, matizan.
Por iso, dende o sector da Autonómica considérase arriscado apoiar por principio a funcionarización por lei dunha parte do persoal laboral fixo sen coñecer polo miúdo a proposta e sen contextualizar a medida no marco de despedimentos e reestruturación da administración “que se albisca no horizonte”.
García subliña que o primeiro é defender o emprego de todos os traballadores e traballadoras ao servizo das administracións, polo que insta a Feijoo a que “se realmente pretende protexer aos empregadas e empregados públicos fixos ante eventuais despedimentos, o que debería facer sería apoiar a retirada da reforma laboral que aprobou o seu partido”.
A este respecto sinala que mentres non haxa unha ruptura coas políticas de austeridade aplicadas polo PP, “a única certeza coa que debe contar todo empregado/a público/a é que o pago da débeda goza de prioridade absoluta”, o que implicará a imposición de novos recortes.
1