Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 30/9/2008
Manifestación o 19 de outubro ás 12:00 h en Vigo
A Secretaría da Muller da CIG apoia e colabora co ‘VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres’
Do 14 ao 21 de outubro, a cidade de Vigo acollerá o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, que xirará en torno á Soberanía Alimentaria e no que participarán delegados e delegadas procedentes dos cinco continentes. A CIG, a través da Secretaría da Muller, vén de manifestar o seu apoio e colaboración con este evento e fai un chamamento a participar na manifestación que terá lugar o 19 de outubro ás 12:00 hora en Vigo baixo o lema “Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres”

marcha mundial manifestación 2004 CIG
Pancarta da CIG na manifestación da Marcha Mundial celebrada en Vigo en 2004

A Secretaría da Muller da CIG manifesta o seu apoio ao VII Encontro Internacional da marcha Mundial das Mulleres e a súa solidariedade con aquelas actuacións dirixidas a eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres e calquera forma de desigualdade e discriminación.

Para a Secretaría da Muller da CIG é moi positivo o feito de que se vaian compartir e expor alternativas e experiencias de loita contra os modelos de agronegocio, monocultivos intensivos e especulación do capital financeiro coa produción, transporte e venda dos alimentos; modelos que están a ter graves consecuencias na vida das mulleres, das comunidades, dos pobos e do propio planeta.

No transcurso dos días 14 ao 17 celebraranse unha serie de actos nos que participarán as delegadas que forman parte da Marcha Mundial de Mulleres, chegadas de todas as partes do mundo.

Os días 18 e 19 de outubro terán lugar unha serie de actividades públicas en torno á Soberanía Alimentaria e nas que poderán participar todas e todos aqueles que o desexen. A CIG fai un chamamento á participación nos mesmos, moi especialmente á manifestación que percorrerá as rúas de Vigo o día 19.

Foro Internacional de Soberanía Alimentaria

Terá lugar o día 18 a partir das 17:00 horas, no Auditorio de Caixanova. Para participar é imprescindíbel a inscrición, que é gratuíta. Pódese facer directamente en www.feminismo.info

Os días 18 e 19, desde as 11:00 horas da mañá, na Praza da Estrela, instalaranse carpas sobre proxectos de soberanía alimentaria en Galiza: proxectos de consumo responsábel, produción ecolóxica... así como unha específica adicada ao encontro e lecer das/os asistentes.

Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres

O día 19 de outubro, a partir das 12:00 horas, percorrerá as rúas viguesas a manifestación convocada pola marcha Mundial das Mulleres, co apoio e participación da CIG, baixo o lema “Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres”. A Secretaría da Muller fai un chamamento a toda a central para participar activamente na mesma.

Ese mesmo día, pola mañá, todas as delegadas da Marcha Mundial participarán na construción dun milladoiro e ás 17 horas, no Centro Cultural Caixanova, organizarase un acto aberto a todas a spersoas menores de 30 anos baixo o título de Feministas Novas, Novas Perspectivas do Feminismo Internacional, no que mulleres de diferentes países falarán dos proxectos e campañas que están a realizar no seu territorio.

1