Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 9/10/2008
A continuación reproducimos á íntegra o texto repartido nos estaleiros de Vigo nesta semana.
Aos traballadores do sector naval
Convenio Colectivo
Na CIG iniciamos a pasada semana o debate sobre o Convenio Colectivo cos delegados de persoal. Antes de nada tivemos que examinar o actual momento de todo o Metal e a diferente situación económica de cada un dos sectores que o integran.
Hai 20 anos o naval galego estaba en fase de desaparición pola reconversión imposta para a entrada na Unión Europea. Querían matar ao noso naval para que non competira co resto de Europa. Os traballadores de entón, nunha loita que durou varios anos, conseguiron manter vivo o sector e os miles de postos de traballo que hoxe representan. O resto do metal nunca nos fallou. Participaron en diferentes folgas de auxilio ao naval e mantiveron solidariamente unido o sector nun só convenio. Hoxe a fontaneria, electricidade, aluminio, maquinaría, concesionarios e auxiliares do automóbil viven unha situación difícil, que pode acentuarse nos próximos meses.
A situación é enormemente complexa para a negociación do convenio, pero desde a CIG a nosa decisión é manter unido o convenio do Metal, pola historia e a forza que nos proporciona á clase traballadora. Non imos aceitar ningunha conxelación de salarios para os sectores en crise, tal e como xa está a reclamar con descaro a patronal. A crise provocouna o Capital, e que a pague a Capital, e contrariamente imos mellorar o poder adquisitivo dos nosos salarios. Tamén pensamos que para o sector naval deberemos esixir unhas melloras a ton co momento económico que vive. Esta solución deberemos encontrala entre todos e todas nós, entre traballadores e traballadoras do sector, pero sempre no mesmo convenio.
Traballadores estranxeiros
No último convenio un dos puntos polo que máis loitamos e fomos á folga foi o de conseguir a garantia de aplicación mínima do noso convenio para todos os traballadores e empresas que viñeran de calquera outro lugar. Como sempre o Capital enfronta a pobres contra pobres, e queriamos evitar a competencia desleal e o abuso da explotación da inmigración, man de obra barata contra nós. Naquel momento a patronal quixo impugnar o convenio por este punto, pero a ameaza de folga os fixo desistir.
Na actualidade sabemos dun número importante de traballadores estranxeiros que medra cada día en todos os estaleiros. O problema non son eles, pero si as empresas que os traen e lles dan traballo. Empresas de fora de aquí, que lles pagan salarios inferiores, trucan as nóminas e os ameazan para que non falen con nós e non digan as súas verdadeiras condicións. Estes traballadores son vítimas, pero tamén os traballadores de aquí que non son contratados porque resultan máis caros. A responsabilidade é dos estaleiros que contratan estas empresas. Nos próximos días desde a CIG falaremos cos outros sindicatos, pero teremos que dar un prazo moi reducido para solucionar isto. Asi non se pode continuar.
Xuízo a catro compañeiros do sector
O próximo día 6 de novembro celébrase o xuízo aos catro traballadores detidos na última folga do naval. A petición da Fiscalía pretende castigar a todo o sector cargando as responsabilidades nestes compañeiros, e solicita catro anos de cárcere para cada un deles, ademais de multas. Non podemos toleralo, e por iso desde a CIG propoñemos ao resto dos sindicatos un paro no sector para este día e a concentración diante do Xulgado en solidariedade con eles. Teñen que saber que un castigo a estes compañeiros é unha sentenza contra todo o metal.
1