Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 10/10/2008
As dez da mañá os traballadores de Faurecia, acompañados de delegados e delegadas sindicais doutras empresas da automoción, cunha importante presenza da CIG, comezaron unha concentración fronte a Inspección de Traballo, para denunciar a situación que están a vivir, no primeiro dos catro venres de ERE que terán os empregados desta empresa auxiliar do automóbil.
Os traballadores de Faurecia pasan ao paro estes días de ERE nos que non hai actividade, e pasan a cobrar da caixa do INEM, polo que un dos berros máis escoitados nesta mobilización foi "este expediente o paga toda a xente", e criticaron asi nesta primeira concentración o informe positivo da Inspección de Traballo a prol deste ERE de Faurecia, xa que abre as portas a que moitas máis empresas adopten esta medida, e supón un prexuízo grave para os traballadores do sector.
Na mesa un segundo expediente
O presidente do comité de Faurecia, Roxelio Salgado,da CIG, explicou que a empresa está "sufrindo o primeiro ERE" durante os catro venres deste mes, e adiantou que a empresa xa lles presentou un segundo expediente de 14 días para a liña un (en novembro, decembro e xaneiro) e dous días para a liña dúas (en decembro). Salgado subliñou que este caso é "a punta de lanza da crise mais han de vir moitas máis empresas a vivir esta situación". O presidente do comité de Faurecia criticou o papel da Inspección de Traballo e da Consellaria na autorización deste ERE, "xa que hai moitas solucións antes de ter que chegar a isto". Nese sentido, lembrou que no que vai de ano a empresa realizou máis de 16.000 horas extra.
Roxelio Salgado engadiu que "desde o comité de empresa, e o conxunto dos traballadores, imos pelexar utilizando todo o que a lei nos permita", en referencia á negociación sobre o segundo ERE presentado ao comité, e que está pendente de negociación.
Manifestación até a Delegación da Xunta
Pasadas as once da mañá os máis de douscentos traballadores do sector que participaron nesta mobilización comezaron unha marcha até a Delegación de Traballo da Xunta de Galiza en Vigo, situada na Praza de Estrela. Traballadores de Faurecia Asientos repartiron follas informativas nas que daban a coñecer á cidadanía a súa situación e o rexeitamento do conxunto do persoal de Faurecia Asientos deste expediente de regulación de emprego.
Até as doce da mañá permaneceron diante das instalacións da Xunta, no que adiantaron que será só a primeira das mobilizacións que desenvolverán ao longo destes venres de expediente que van enfrontar os traballadores de Faurecia Asientos.
ERE tamén en Antolín
Nesta mobilización tamén estaba presente o presidente do comité de Antolín,da CIG, Roberto Souto, que declarou diante dos medios que actualmente se está a negociar coa dirección desta empresa da automoción un ERE de 27 días, e salientou que esta medida "non é culpa da crise, senón dunha mala xestión da empresa", para adaptarse ao ritmo de produción de Citroën. A partir do luns 13 de outubro os traballadores, como medida de protesta, comerán o bocadillo fora da planta. No que vai de ano perdéronse uns 50 empregos nesta factoría de automoción, que conta na actualidade con 110 traballadores fixos e 19 temporais, mais nas actuais condicións "a partir de marzo xa non haberá eventuais".
Reunión con Industria
Este luns 13 de outubro ás 18 da tarde terá lugar unha xuntanza co Conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e coas tres centrais sindicais máis representativas da automoción (CIG, CCOO e UGT) para tratar a actual situación de crise do sector do automóbil. Esta xuntanza terá lugar na Delegación de Industria na cidade de Vigo, situada na Praza da Estrela.
Máis imaxes
Podedes atopar máis imaxes desta mobilización na Galeria de imaxes da web
1