Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 4/11/2008
Contra a crise no sector
Máis de 2.000 persoas mobilízanse en Vigo na defensa do emprego na automoción
Manifestación automoción 3/11/2008 I
Pasadas as oito e media da tarde comezaba a marcha en defensa do emprego na automoción, convocada pola CIG. Traballadores e traballadoras de empresas do téxtil, do transporte, do metal e de químicas afectados pola crise no sector da automoción estiveron presentes nesta mobilización, para demandar medidas globais para facer fronte ao actual contexto de crise no automóbil, e non actuacións individuais e negativas para a clase traballadora como os expedientes de regulación de emprego.

Máis de 2.000 persoas percorreron o centro de Vigo, desde Via Norte até a Praza da Estrela, para demandar solucións para a automoción, asi como a defensa do emprego neste sector. Representantes sindicais das principais empresas do metal, químicas, téxtil e transporte da CIG estiveron presentes nesta mobilización.

Tamén participou desta marcha o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que, en declaracións aos medios de comunicación, ao comezo desta manifestación defendeu que " a esta crise hai que darlle unha solución global pola súa dimensión", e rexeitou que no sector da automoción se acepten os expedientes de regulación de emprego "como o xeito máis sinxelo de afrontar a actual situación e sempre dun xeito individual".

Berros contra os ERE

Esta mobilización pretendía tamén sensibilizar á cidadanía sobre a situación de crise que existe no sector. As consignas máis repetidas foron aquelas que facían mención ao rexeitamento dos ERE, aquelas que puñan de manifesto a necesidade da mobilización e da presenza da CIG nas rúas, asi como foron continuas as críticas á crise social, e á necesidade de que pague o capital esta situación e non os traballadores e traballadoras.

Tres intervencións finais

Unha hora despois do inicio desta marcha, a manifestación chegaba á Praza da Estrela, onde tivo lugar o acto final de peche desta mobilización. Neste acto interviron Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, Francisco Miranda, portavoz da coordenadora da automoción de CIG-Químicas, e Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT.