Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 6/11/2008
Desde as sete da mañá os traballadores do sector comezaron a encontrarse nas portas dos seus respectivos centros de traballo para iniciar esta xornada de solidariedade e organizar os grupos de piquetes. Asi, nos estaleiros de Barreras e Freire pasadas as oito da mañá comezaban a súa marcha, que percorreu Beiramar, subiu por Carral até a Porta do Sol, onde se encontraron cos seus compañeiros da zona do estaleiro de Vulcano, que tamén viñan en manifestación desde Teis.
Marcha desde a Praza do Concello
Ás nove e media da mañá estes distintos grupos de piquetes encontrábanse na Praza do Concello, onde tamén se xuntaron co piquete da zona da Avenida de Madrid, de Puxeiros e Mos. Desde aqui en manifestación partían pola Avenida das Camelias até a Praza de América, onde se encontraban co grupo de traballadores que viña subindo pola Avenida de Castrelos.
Asi este grupo de traballadores do Metal achegouse nunha grande marcha ás dez da mañá ás instalacións dos Xulgados para amosar a súa solidariedade, a poucos metros de onde estaba a comezar neses momentos o xuízo contra os catro traballadores do naval, aos que a Fiscalía solicitaba catro anos de cadea.
Un cordón policial tentaba frear que os folguistas puideran achegarse até as portas destes Xulgados, mais finalmente a multitude de traballadores que se agolpaba na esplanada destas instalacións superou este cordón, para amosar máis de perto a súa solidariedade. Berros como "non son delincuentes que son traballadores" ou "non son catro, que somos todos", escoitáronse mentres se agardaba á solución deste xuízo.
O xuízo tivo que ser suspendido por unha cuestión técnica, ao mudar de defensa un dos traballadores encausados e volverase celebrar o 5 de febreiro.
Suso Seixo, secretario confederal da CIG, presente nestas mobilizacións, subliñou que "aínda que pretendan con este tipo de accións xudiciais atemorizar aos traballadores, imos continuar mobilizándonos na defensa dos nosos dereitos".
Asemblea nas portas dos Xulgados
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva, lembrou "que este xuízo pretendía ser un castigo ao todo o sector pola súa combatividade e loita" e anunciou a nova de que a Fiscalia está disposta a "renegociar as penas e por unha redución importante e sensíbel do que estaba a pedir até agora, co cal xa non habería ningunha posibilidade de ingreso en prisión".Alcántara subliñou que esta reconsideración da Fiscalía se debe "a esta nova demostración de forza e a tantos como somos tomando as rúas hoxe" e solicitou á Fiscalía que faga pública se esta reconsideración é definitiva e se xa non existe risco de que estes traballadores entren na cárcere "para tranquilidade de todos".
Para aproveitar esta convocatoria e para "facernos visíbeis pola cidade, para que nos vexan e para que saiban o que é o sector do Metal, o que somos como forza, como corpo, como clase traballadora", Alcántara animou aos traballadores a continuar coas marchas pola cidade e rematar esta xornada de mobilización na Praza do Concello.
Paro xeralizado e avaliación positiva
Miguel Malvido, secretario nacional da CIG Metal, interveu no acto final e avaliou moi positivamente esta mobilización, Asi falou dun "paro xeralizado, chegando a un 70% en todo sector, e sendo do 100% no naval".Malvido subliñou que "por parte da CIG só agardamos que haxa unha libre absolución destes catro compañeiros".
Por último, deuse lectura a un manifesto que reproducimos a continuación
Podedes atopar máis imaxes na Galería de imaxes da web
Manifesto final lido na mobilización do Metal contra a represión sindical
Hoxe atopámonos aqui para trasladar o noso apoio solidario a Daniel, Xosé, Emilio e Iván no proceso xudicial ao que se enfrontan. Dicirlle a aqueles que os van xulgar que están pedindo catro anos de cadea a quen saíu á rúa para protestar pola defensa dos seus dereitos e o cumprimento do Convenio.
Daqueles incidentes durante o conflito, todas as persoas que estamos aqui facémonos responsábeis. Esta expresión de dignidade solidaria manterase sempre para cubrir calquera repercusión que se poda derivar deste xuízo.
Confiamos en que esta mobilización do sector transmita a todos aqueles que emitirán sentenza, a necesaria reconsideración da súa petición inicial de penas, e todo isto remate como o que debería ser, tan só un mal soño.
Lembrar que foi Xustiza o que reclamabamos naqueles días, e os verdadeiros responsábeis aínda non acaban de entender que os Acordos están para ser cumpridos e para eles non parece existir nin lei, nin castigo e eles son os que permanecen impunes.
Agardamos o 5 de febreiro unha sentenza que faga xustiza, a nós, todos traballadores e traballadoras que algún día defenderon e defenderán os seus dereitos no traballo.
Daniel, Xosé, Emilio e Iván somos todos e todas
Reclamamos xustiza
1