Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 11/11/2008
Oxalá
Eduardo Galeano
Publicado en Página 12 ()
20081111_obama.cartaz.cambio

Obama probará, desde o goberno, que as súas ameazas guerreiras contra Irán e Paquistán foron nada máis ca palabras, proclamadas para seducir ouvidos difíciles durante a campaña electoral?

Oxalá. E oxalá non caia nin por un momento na tentación de repetir as fazañas de George W. Bush. Á fin e ao cabo, Obama tivo a dignidade de votar contra a guerra de Iraq, mentres o Partido Demócrata e o Partido Republicano ovacionaban o anuncio desa carnicería.

Durante a súa campaña, a palabra leadership foi a máis repetida nos discursos de Obama. Durante o seu goberno, continuará crendo que o seu país foi elixido para salvar o mundo, tóxica idea que comparte con case todos os seus colegas? Seguirá insistindo no liderado mundial dos Estados Unidos e a súa mesiánica misión de mando?

Oxalá esta crise actual, que está sacudindo os alicerces imperiais, sirva polo menos para dar un baño de realismo e de humildade a este goberno que comeza.

Obama aceptará que o racismo sexa normal cando se exerce contra os países que o seu país invade? Non é racismo contar un por un os mortos invasores en Iraq e olimpicamente ignorar os moitísimos mortos na poboación invadida? Non é racista este mundo onde hai cidadáns de primeira, segunda e terceira categoría, e mortos de primeira, segunda e terceira?

A vitoria de Obama foi universalmente celebrada como unha batalla gañada contra o racismo. Oxalá el asuma, desde os seus actos de goberno, esa fermosa responsabilidade.

O goberno de Obama confirmará, unha vez máis, que o Partido Demócrata e o Partido Republicano son dous nomes dun mesmo partido?

Oxalá a vontade de cambio, que estas eleccións consagraron, sexa máis ca unha promesa e máis ca unha esperanza. Oxalá o novo goberno teña a coraxe de rachar con esa tradición do partido único, disfrazado de dous que á hora da verdade fan máis ou menos o mesmo aínda que simulen que se pelexan.

Obama cumprirá a súa promesa de pechar o sinistro cárcere de Guantánamo?

Oxalá, e oxalá acabe co sinistro bloqueo de Cuba.

Obama seguirá crendo que está moi ben que un muro evite que os mexicanos atravesen a fronteira, mentres o diñeiro pasa sen que ninguén lle pida pasaporte?

Durante a campaña electoral, Obama nunca enfrontou con franqueza o tema da inmigración. Oxalá a partir de agora, cando xa non corre o perigo de axotar votos, poida e queira acabar con ese muro, moito máis longo e lamentábel que o Muro de Berlín, e con todos os muros que violan o dereito á libre circulación das persoas.

Obama, que con tanto entusiasmo apoiou o recente regaliño de setecentos cincuenta mil millóns de dólares aos banqueiros, gobernará, como é costume, para socializar as perdas e para privatizar as ganancias?

Temo que si, pero oxalá que non.

Obama asinará e cumprirá o compromiso de Kyoto, ou seguirá outorgando o privilexio da impunidade á nación máis envelenadora do planeta? Gobernará para os coches ou para a xente? Poderá cambiar o rumbo asasino dun xeito de vida de poucos que se rifan o destino de todos?

Temo que non, pero oxalá que si.

Obama, primeiro presidente negro da historia dos Estados Unidos, levará á práctica o soño de Martin Luther King ou o pesadelo de Condoleezza Rice?

Esta Casa Branca, que agora é a súa casa, foi construída por escravos negros. Oxalá non o esqueza, endexamais.

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 6 de novembro de 2008]