Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 12/11/2008
Non nos resignamos
Xabier Pérez Igrexas
20081112_escape.capitalismo

Disque as obras de Marx, até hoxe enterradas pola socialdemocracia e pouco menos que convertidas en anatema polo neoliberalismo, imprimen novas edicións a bo ritmo. Disque desta volta resucitou Marx, coma se nalgún intre ficase morto ou perdese vixencia.

Será que só nos lembramos de Santa Bárbara cando trona, como di o refraneiro popular. Ou tan só será un síntoma máis de que a actual crise económica saíuse das paredes controladas do laboratorio do propio sistema.

A sacra liberdade de mercado, a non intervención estatal na economía, e lei da oferta e da demanda… en fin, todos os dogmas do falso ideal neoliberal, caen polo seu propio peso, cando as contas de resultados arroxan números vermellos. E o que era oficialmente incuestionábel, agora é máis que cuestionado. A historia, como proceso en espiral, ten estas cousas.

Escribir algo sobre a crise económica, mesmo se se renuncia de entrada a facer ningunha caste de tratado económico, é complexo. Complexo porque hai moitas cuestións xa abordadas con solvencia teórica e científica. Complexo por mor de que a meirande parte dos parámetros xa foron sobre-examinados até a extenuación. Inda así, coa que cae, é moi difícil evitar a tentación de engadir algo.

Sintetizando, grosso modo, a actual crise económica é o resultado dun crack financeiro que ten as súas raíces na concepción especulativa do propio mercado, que para procurar maximizar até o infinito os beneficios fixo que se asumisen riscos astronómicos. En Roman Paladino: que a avaricia rompe o saco.

Ese afán especulador, non xurdiu de xeito espontáneo nin casual. É intrínseco ao propio capitalismo e foi promovido, aplaudido e convertido en óbice por parte do neoliberalismo fronte calquera avanzo social, e consentido até a indecencia por parte da socialdemocracia abrazada a esa estupidez de que "vivimos no mellor dos mundos posíbeis".

Polo tanto a crise non é unha inclemencia natural, ten responsábeis: a oligarquía económica e as forzas políticas do sistema (no estado: PP e PSOE).

Enunciadas ao bruto as causas, sinalados os responsábeis, toca pararnos a analizar cales son as respostas que se propoñen para facer fronte á crise.

Dunha banda un macro paquete de medidas que se poden simplificar afirmando que o estado, cos cartos de todas e todos (recadados a través dos impostos), regala 50.000 millóns de euros para que os bancos, que até hai nada amasaron grandes beneficios inda que hoxe oculten, intelixentemente, as súas fortunas, poidan capear o temporal que eles mesmos provocaron por pura avaricia. Socialización de perdas, pero non de beneficios.

É o propio capitalismo o que consagra como idea principal a maximización dos beneficios e a redución dos custes, a través da extracción de plusvalía. Iso pode explicar esa avaricia, pero non a xustifica. O capitalismo non é un sistema natural, senón unha opción imposta que pode e debe ser derrubada.

Ademais dos millóns de euros regalados ao grande capital, a crise é aproveitada polo propio sistema para amedrentar ao pobo e forzar medidas antisociais (precarización do traballo, contención do gasto social, abaratamento do despido…) confiados en que non existirá resposta/mobilización social para facerlles fronte. Equivócanse.

Aproveitase tamén como conxuntura acaída para facer algúns axustes na cuestión territorial. Agora coa crise como escenario, o goberno Zapatero xa non agocha o seu afán centralista, e pecha a billa do financiamento autonómico. Así a clase traballadora galega paga dobremente a crise.

Pero esta situación presenta tamén un interesante espazo de oportunidade política, e tamén ideolóxica.

As contradicións do sistema, e das súas forzas políticas subsidiadas, nunca foron tan evidentes coma hoxe. O descaro, a obscenidade das medidas propostas para salvar/refundar o capitalismo é tan claro e perceptíbel socialmente que achámonos perante un intre histórico que debemos saber aproveitar.

Agora que o capitalismo ensina a súa verdadeira faciana, renunciando á mascarada do estado do benestar, é cando as forzas políticas, sociais e sindicais cunha concepción revolucionaria teñen que proxectar con firmeza os seus discursos de alternativa.

Agora é cando hai que pasar á ofensiva no terreo da batalla ideolóxica. Hai que canalizar o desencanto e a indignación social perante esta ignominia cara a acumulación de enerxías e forzas na transformación social e política. O capitalismo ten alternativa, pero non caerá só: hai que derrubalo.

Só dende o espectro ideolóxico do marxismo, partindo dese sistema de análise, poderemos estar á altura do que esixe o actual momento e a etapa histórica que se vai abrir. Porque só dende chaves marxistas se pode construír unha alternativa real ao capitalismo, que de entrada e no inmediato defenda á clase traballadora e impida que pague o impacto desta crise.

Non é a hora do tacticismo pragmático e conformista. É o momento de combater os alicerces ideolóxicos do sistema a golpes de realidade.

Para o vindeiro 13 de novembro a CIG convocou mobilizacións baixo o lema "Por un novo modelo económico e social, a crise que a pague o capital". Encher as rúas do país baixo ese lema será un primeiro paso moi importante, como demostración de que non nos resignamos.

Vigo, 12 de novembro de 2008