Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 20/11/2008
Fixeron entrega dunha carta na que reclaman a implicación do Presidente da Xunta na resolución do conflito laboral
Traballadores/as do 112 protestan diante de Touriño na inaguración da Semana Verde de Silleda
112 pancarta silleda
Un grupo de traballadoras e traballadores do Centro de Atención de Emerxencias 112, desplegaron unha pancarta co lema “112 Solución” no marco da inauguración da Semana verde de Silleda no momento en que Emilio Pérez Touriño realizaba o seu discurso. A pancarta estivo á vista do Presidente da Xunta durante toda a súa intevención, ao remate da cal a Presidenta do Comité de Empresa lle fixo entrega dunha carta na que se lle reclamaba implicación na solución ao conflito laboral que dura xa case dous anos. Xa á saída, e a pesar de que en ningún momento se interrompera o acto, o servizo de escolta do Presidente identificou ao “peligroso” grupo de sindicalistas.

As traballadoras e traballadores responsabilizan a Pérez Touriño da falla de diálogo e dos intentos contínuos de enganar e dividir ao cadro de persoal do 112. Nun dos parágrafos da carta que se lle entregou ao Presidente explicábano así: “Aínda non sendo responsabilidade súa a orixe desta situación, senón do goberno anterior, si o é mantela as estas condicións e perpetuar unha situación anacrónica co traballo que desenvolvemos”.

O escrito continúa apelando á busca dunha solución que “é moi doada e pasa polo recoñecimento ao dereito de subrogación do persoal, pola dignificación salarial acorde á responsabilidade que supón o noso traballo consolidando as cantidades que cobramos e a regulación e control das gardas con disponibilidade. Pouca cousa para rematar cun conflito que leva xa case dous anos aberto e no que xa sufrimos abondo a falla de compromiso e nula capacidade de diálogo dos responsábeis políticos do CAE 112”.

Concentración diante do Parlamento

As mobilizacións dos/as traballadores/as do 112 continuaron cunha concentración celebrada na mañá do 20 de novembro diante do Parlamento de Galiza, como medida de presión para reclamar o desbloqueo do conflito laboral no CAE 112.

A Presidenta do Comité de Empresa, Isa Moares, anunciou novas accións de protesta e a presenza nos actos que realice Touriño. Ademais avisan de que non dubidarán “en entrar activamente na campaña eleitoral” e, de feito, preparan unha campaña da sección sindical de denuncia dos responsábeis diretos do estancamento das negociacións.

Máis información en 112enloita.blogspot.com