Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 9/1/2009
Foi elaborado en varias asembleas de debate cos delegados da provincia de Pontevedra do sector
A CIG-Metal presentará o seu anteproxecto do convenio do Metal ás outras centrais sindicais
A continuación reproducimos á integra o comunicado que será repartido nos próximos días nos centros de traballo afectados pola negociación do convenio do Metal da provincia de Pontevedra, e no que se expón cales van ser os puntos principais e as demandas para a negociación colectiva neste sector. O anteproxecto da CIG será presentado ás outras centrais sindicais para artellar unha plataforma unitaria, e convocar, coa maior brevidade posíbel, a Mesa Negociadora. A vixencia dun ano, unha suba salarial dun 6%, que se cumpra o plus de produtividade regulado por convenio, e a xornada laboral serán os principais cabalos de batalla para o convenio do metal a negociar neste ano.

Asemblea metal Vigo xaneiro

Logo de diferentes xuntanzas cos delegados sindicais da CIG de toda a provincia afectados polo Convenio provincial, chegamos a unha proposta de Anteproxecto que pretendemos unificar co resto de centrais sindicais. Sabemos que sempre é necesaria a unidade sindical para enfrontarnos os empresarios, pero nesta ocasión, cando o momento é difícil e mesmo comprometido para sectores do metal, agás o Naval, deberemos someter sen ningunha excusa as nosas diferencias ao interese xeral e ao resultado do Convenio.

Nos non somos os responsábeis desta crise e mesmo somos as principais vítimas, pois somos os damnificados polos expedientes de regulación, a perda do traballo e o retraso nas nóminas, tal e como acontece a dia de hoxe en moitas empresas do Metal. Pero non será a costa do noso salario que os empresarios pretendan remontar a súa economia. Este non é o momento que queriamos para negociar o Convenio, pero en ningún caso aceptaremos tal e como veñen pedindo os empresarios incrementos de IPC a pelo, cláusulas de descolgue dos incrementos salariais para as empresas, flexibilidade de xornada, máis contratación precaria, nin a perda de dereitos que xa temos.

No noso anteproxecto aparte de recoller numerosos aspectos que teñen que ver coas baixas, coas xubilacións parciais, dietas, licenzas e a subcontratación, queremos centrar a nosa loita nos aspectos máis salientábeis da nosa reclamación, sen perder ningún dereito temos que mellorar a nosa capacidade adquisitiva, por isto para a CIG os puntos centrais na negociación deberán ser:

1- Vixencia de 1 ano, porque entendemos que este debe ser un convenio transitorio por razón da incertidume que atravesan diferentes sectores do Metal, e porque non permitiremos a fractura e división do Convenio como queren os empresarios.

2- Incremento xeral do 6% con carácter lineal, tomando a referencia do Oficial de 1ª porque non nos sirve a referencia do IPC manipulado a última hora para a contención dos salarios.

3- Facer cumprir o Plus de produtividade regulado en Convenio, e que na actualidade só perciben algunhas empresas. Todo o persoal que non teña regulado este plus percibirá unha cantidade media de 0,50 céntimos por hora traballada. Os acordos superiores serán respectados.

4- Xornada laboral: redución de oito horas neste ano.

Transmitiremos estas propostas ao resto das centrais para que unha vez unificado, podamos convocar nos próximos días á Mesa Negociadora.

1