Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 22/1/2009
O pasado 19 de decembro, logo de entregar o último pedido para o grupo Inditex, as administradoras da empresa comunicaron ás traballadoras a súa intención de pechar a fábrica, aínda que lles aseguraron que non podían facerse cargo das indemnizacións correspondentes nin das mensualidades pendentes de pago.
As empresarias tampouco deron as traballadoras de baixa, polo que non poden solicitar o paro. "Roubáronnos os cartos, non nos pagan e non podemos solicitar o paro porque non nos despediron formalmente. Este atraco materializouse mediante un ERE que pretende despedirnos de balde amparándose na crise e nunha débeda creada para a ocasión por estas empresarias do téxtil”, sinalan nun comunicado as 12 afectadas.
Os problemas en Confecciones Lema comezaron logo de que as traballadoras deran o seu apoio á CIG nas eleccións sindicais e comezaran a organizarse para reclamar os seus dereitos. Até entón a empresa obrigaba ás traballadoras a asinar unha nómina ficticia da que tan só cobraban a metade, 450 euros mensuais, e non tiña calendario laboral.
Cambio de instalacións
Foi entón cando a propietaria, Pilar Lema, decidiu “regalar” a empresa a dúas administradoras, que se fixeron cargo dela dende maio do ano pasado, e trasladaron a produción da nave orixinaria en Vedra até os locais da Cooperativa de Confecciones Lestedo, en Boqueixón.
As traballadoras afectadas sinalan nun comunicado que as manobras destas tres empresarias están argalladas para que sexa Fondo de Garantía Social o que se faga cargo do pago dos salarios e das indemnizacións, “é dicir, que imos pagar todos cos nosos impostos para que estas empresas sigan enriquecéndose a nosa costa”.
1