Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 28/1/2009
Critican a falla de previsión nun servizo “mal dimensionado e con pouco persoal”
O Comité de empresa do 112 denuncia a falla de previsión na Central de Emerxencias
09-01-28 112
O Comité de empresa do CAE 112 denunciou a falla de previsión no centro de emerxencias, a pesar do aviso de alerta por temporal.

Tras a situación caótica vivida unha vez máis no CAE 112 de Galicia durante o temporal dos días pasados, os membros do Comité de Empresa denunciaron a falla de previsión por parte da Axencia Galega de Emerxencias e anunciaron o inicio dunha compaña para dar a coñecer os verdadeiros responsábeis do caos vivido a pasada fin de semana.

“Seguimos asombrándonos de que un servizo que está pensado para atender emerxencias sexa sobrepasado unha e outra vez polos acontecementos cada vez que hai unha situación de alerta”, sinalou Óscar Valladares, Secretario do Comité de empresa do CAE 112, que compareceu en rolda de prensa acompañado por Marcos Domínguez, membro do Comité..

Valladares lembrou que unha vez máis foi o traballo voluntario do cadro de persoal o que tivo que sacar a situación adiante “a pesar de que se lle ten informado ducias de veces á Administración e á empresa que o persoal das quendas é insuficiente”, ao que engadiu que a empresa está incumprindo sistematicamente os ratios de persoal por turno que marcan as plicas da contrata. “Se ben se sabía que había previsión de temporal para o fin de semana, non foi ata a tarde do venres, cando xa estábamos en plena emerxencia, cando a Administración solicitou un reforzo de persoal”, apuntou o Secretario do Comité.

Sobre este punto, explicou que a capacidade operativa do centro foi insuficiente: non había equipos informáticos para a xente que se prestaba a traballar e o número de operadores non chegaba para atender o volume de chamadas entrantes. Isto motivou unhas colas de espera de máis de noventa chamadas e que moita xente que intentaba falar co 112 non o conseguira e “as que o conseguiron tiveron que agardar máis do razoable nunha situación como a sufrida este fin de semana”.

Bloqueo da negociación

Dende o Comité tamén se denunciou que a Consellería de Presidencia segue permitindo a precariedade laboral no servizo e a deficiente atención á cidadanía, lembrando que a administración ten bloqueada a negociación entre a empresa que xestiona o servizo público e os traballadores/as, porque se nega a admitir a subrogación do persoal.

“Pola nosa parte seguiremos reivindicando unhas mellores condicións laborais e un dimensionamento maior do cadro de persoal que permita un mellor servizo e a estabilidade laboral dos traballadores/as”, afirmou Valladares.

O Comité do CAE 112 vén de iniciar unha campaña para informar a opinión pública de quen son os verdadeiros responsábeis do caso neste servizo público e apuntan directamente ao xerente da axencia de Emerxencias, a Directora Xeral de Protección Civil, ao conselleiro de Presidencia e ao presidente da Xunta.