Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 1/2/2008
Julio María Sanguinetti e a súa “descoñecida Colombia”
Xurxo Martiz Crespo
Camión traballadores
Camión de traballadores da construción en Bogotá. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
O ex presidente uruguaio escribe en Opinión de El País de Madrid un artigo co título Desconocida Colombia no que teima na súa adversión ao presidente venezuelano utilizando argumentos moi pobres.

Sanguinetti fai a contraposición entre a “rica” e “puxante” Colombia e coloca no outro extremo un tebroso Chávez aliado coas “narco-guerrillas” das FARC.

Ri Sanguinetti do anuncio do presidente venezuelano e do que el denomina “a súa posta en escena” da Operación Enmanuel, que segundo Sanguinetti “foi un formidábel fiasco” pois o neno fora liberado hai un par de anos.

Segundo o ex presidente uruguaio, as FARC, debido a este fiasco, non tiveron máis remedio que liberar as dúas retidas para “devolverlle o protagonismo mediático ao presidente venezuelano do que usa e abusa”.

O protagonismo aquí é das FARC, que nun xesto humanitario e sen ningún intercambio polos seus centos de presos en cadeas colombianas e estadounidenses (moitos obvian que o Estado colombiano e os Estados Unidos secuestraron militantes das FARC en Venezuela violando leis internacionais e a soberanía doutros Estados) liberou as dúas secuestradas ante a negativa de Uribe (as FARC non son as que se opoñen) a un intercambio humanitario.

Sanguinetti loa o “silencioso heroísmo de Colombia que permitiu soster ese enfrontamento 40 anos sen se afastar da democracia”. Chamarlle democracia ao sistema colombiano, con máis de 8 millóns dos seus cidadáns emigrados por razóns económicas e cunha clase política que herda as presidencias e fortemente dependente do narcotráfico que a financia, dos paramilitares que a manteñen e do exército que masacra con impunidade, é ser moi optimista e, además de cínico, mentireiro.

Sanguinetti despois fálanos das súas troulas cos seus amigos, Felipe González, Belisario Betancourt, Óscar Arias, Álvaro Uribe... o mellor de cada casa como ben podemos ver.

Ten o cinismo Sanguinetti de dicir “que de Pablo Escobar Gaviria e o seu sinistro cartel só queda o dramático cadro de Botero no museo” (de Medellín).

Eu engadiría que queda moito máis, empezando polo presidente Uribe e os seus ministros relacionados co paramilitarismo, a anterior de Relacións Exteriores, María Consuelo Araújo, por pór un exemplo.

Fabio Castillo no seu libro Los jinetes de la cocaína, conta como o pai do actual presidente de Colombia, Alberto Uribe Sierra, era un coñecido narcotraficante que foi arrestado para ser extraditado aos Estados Unidos, pero Jesús Aristizábal Guevara, daquela secretario de Goberno de Medellín, logrou poñelo en liberdade. Uribe Sierra, pai do actual presidente, foi morto pola guerrilla polas súas actividades contrainsurxentes vinculadas ao paramilitarismo.

A diferenza entre o tan denostado Pablo Escobar Gaviria e narcos como o pai do presidente colombiano estaba en que Escobar era un home do pobo, hoxe idolatrado polas xentes de Medellín, mentres que a familia Uribe pertencía a esa oligarquía colombiana encistada en si mesma e traballadora para o seu propio interese. Velaí a razón pola que o Estado asasinou a Pablo Escobar Gaviria.

Todos estes datos, que os coñece Sanguinetti e os editores de El País de Madrid, son sistematicamente ocultados á opinión pública por medio dunha voraz campaña de desinformación dos gurkas da información (escritores, políticos, xornalistas a soldo dos grandes medios de comunicación).

Como calquera político barato que se prece, Sanguinettti, ante a falla de argumentos, tira da macroeconomía para gabar o Goberno de Uribe. Os datos marabillosos que expón son unha pobre sombra se os comparamos cos venezuelanos, que lideran o crecemento económico en Latinoamérica dende hai tres anos.

Remata Sanguinetti cunha pérola: “desgrazadamente, con frecuencia, cáese nos estereotipos, que din que Uribe é de dereitas, malia a súa exitosa política social, e as FARC son de esquerdas, malia a súa criminalidade, o seu total baleiro ideolóxico e a ominosa sociedade co comercio das drogas. Isto non é, daquela, política tal e como a concibimos. É outra cousa, dentro da lóxica do terrorismo e do narcotráfico”.

Dicir que alguén é de dereitas, cando o é, ou alguén de esquerdas, cando o é, non é caer en estereotipos. A que Sanguinetti chama “exitosa política social” de Uribe non existe. A súa inexistencia está reflectida nas letras de Sanguinetti, que como calquera político mediocre se aferra ás cifras macroeconómicas e non precisamente ás microeconómicas que son as que conforman as políticas sociais.

A relación das FARC co narcotráfico é un discurso gastado do Departamento de Estado de Estados Unidos que sempre tivo un monicreque na presidencia de Colombia ao seu servizo. A relación do narcotráfico coa guerrilla é como a posesión de armas de destrución masiva de Iraq, os vínculos de ETA cos yihaidistas, ou a suposta fraude continua nas eleccións do presidente Chávez.

Si está demostrada a relación directa do presidente Uribe co narcotráfico, por medio do seu pai, e co paramilitarismo que tamén mata e secuestra, pero para alivio de Sanguinetti, sen contido ideolóxico.

Todos os líderes dos movementos guerrilleiros que decidiron depor as armas para integrarse á vida “civil” e participar na “democracia” colombiana, remataron os seus días asasinados polo propio Estado. Así o M-19, os seus líderes, só Navarro Wolf despois de varios atentados queda vivo. E se tivesemos que falar de heroes en Colombia non estarían do lado de Sanguinetti, de Uribe, de Samper e un longo etcétera, senón do lado do cura-guerrilleiro Camilo Torres e do comandante Manuel Marulanda Vélez. Achegarse á biografía destes combatentes deixa no seu lugar a gurkas da escrita como Julio María Sanguinetti.