Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 4/3/2009
A explosión do desemprego
Ignacio Ramonet
Publicado en Le Monde Diplomatique ()
20090304_desocupados.Carpani

"Desocupados" (1959) Óleo sobre tela, de Ricardo Carpani.

Haino que repetir: a crise aínda non tocou fondo. E as próximas noticias van ser peores. As Bolsas seguen caendo. Os plans de rescate fracasan un tras outro. Non impiden que as principais economías do mundo -Estados Unidos, Xapón, Alemaña, Reino Unido, Francia, España- entren en recesión. Grandes ou pequenos, os bancos están en situación obxectiva de creba. Se non se nacionaliza a banca urxentemente e en bloque, o sistema financeiro occidental podería perecer.

O máis grave é que esta nova fase da crise arrastrará a algún país na súa caída. Por exemplo: Irlanda, inmersa nunha grave recesión, cun sector bancario moi batido e un déficit público que podería elevarse deica o 11% do PIB. Outros países (Letonia, Estonia, Ucraína, Paquistán) poderían declararse en creba.

O furacán económico levou por diante unha cuarta parte da riqueza mundial. E está provocando, en case todo o planeta, o peche de fábricas, a explosión do desemprego, unha escalada proteccionista e a radicalización das protestas sociais.

Causa de pobreza, de desacougo e de exclusión, a lepra do desemprego esténdese. En Estados Unidos, a recesión destruíu 3,6 millóns de postos de traballo, a un ritmo nunca visto. A metade durante os últimos tres meses. O total de parados xa ascende a 11,6 millóns. E firmas xigantes como Microsoft, Boeing, Caterpilar, Kodak, Pfizer, Macy's, Starbucks, Home Depot, SprintNextel ou Ford Motor proxectan desprenderse de 250.000 asalariados en 2009. A confianza dos consumidores esfarelouse.

En China, a caída das exportacións provoca o afundimento da produción fabril e despedimentos masivos. Máis de 20 millóns de traballadores vindos do campo perderon o seu emprego. Na India, entre outubro e decembro de 2008, destruíronse medio millón de postos de traballo.

En Francia, unha cifra resume a magnitude do sismo: o número de horas de paro forzoso pasou de 200.000 en xaneiro de 2008 a 13 millóns en decembro (1). Xa hai máis de 2,5 millóns de desempregados. E para os menores de 25 anos, o aumento da taxa de paro alcanzou, en 2008, o 20%...

No Estado español, durante o pasado mes de xaneiro, o número de despedimentos aumentou en case 200.000 persoas; e o total de desocupados excede xa os 3.320.000. En 2009, o paro afectará a uns 850.000 traballadores máis, co cal a suma de parados superará os catro millóns... Máis de 827.000 fogares contan con todos os seus membros desempregados...

Na UE, o número de parados é de 17,5 millóns, 1,6 millóns máis que hai un ano. E para 2009, prevese a perda de 3,5 millóns de empregos. En 2010, a desocupación escalará ata o 10% da poboación activa.

En Sudamérica, segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT), en 2009, rexistrarase un aumento de 2,4 millóns de desempregados. Aínda que os países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai, Uruguai), así como Venezuela, Bolivia e Ecuador, poderían capear o temporal, varios Estados centroamericanos, México e Perú, polos seus lazos coa economía estadounidense, sufrirán.

O director xeral da OIT, Juan Somavía, estima que o número de desempregados no mundo (190 millóns en 2008) podería incrementarse en 51 millóns máis ao longo de 2009. E recorda que os traballadores pobres (que gañan apenas dous euros diarios) serán 1.400 millóns, ou sexa o 45% da poboación activa mundial (2).

A brutal explosión do desemprego provoca naturalmente o retorno do nacionalismo económico. Rusia decidiu elevar o gravame para os coches importados e introduciu aranceis á carne de ave e de porco. Ecuador fíxoo para os teléfonos móbiles e o material de transporte. A India anunciou que prohibirá durante seis meses a importación de xoguetes de China. Arxentina e Indonesia crearon novos aranceis para limitar algunhas importacións.

Grecia prohibiu aos seus bancos que socorran ás sucursais noutros países balcánicos. EEUU decidiu apoiar ás Big Three (Chrysler, Ford, Xeral Motors) de Detroit, pero só para que salven as súas plantas no país. Non axuda ás multinacionais estranxeiras (Toyota, Kia, Volkswagen, Volvo) instaladas no seu territorio. Francia e Suecia anunciaron que condicionarán as axudas ás súas industrias automotoras: só poderán beneficiarse os centros situados nos seus respectivos países. A ministra francesa de Economía, Christine Lagarde, declarou que o protectionismo podía ser "un mal necesario en tempos de crises". O ministro español de Industria, Miguel Sebastián, insta a "consumir produtos españois". E en Alemaña, gran país exportador, unha recente enquisa revelou que o 78% dos empresarios de PEME eran favorábeis a medidas proteccionistas (3).

Este auxe do nacionalismo económico está provocando rebentos de xenofobia. En Reino Unido, un dos países máis golpeados pola crise, cunhas previsións de redución da actividade do 2,8%, millares de obreiros do sector da enerxía, a berraren a consigna "UK jobs for British workers!" ("Empregos británicos para traballadores británicos"), declaráronse en folga contra a contratación de traballadores portugueses e italianos nas obras da refinaría Total de Lindsey (Lincolnshire). Ao mesmo tempo, nese mesmo país, centos de millares de polacos eran "invitados" a regresar á súa terra natal. Igual en Irlanda, onde o sentimento antipolaco crece a medida que aumenta o índice de desemprego. En Italia estase expulsando sen miramentos os romaneses. E en todas partes se cuestiona o dereito de residencia dos inmigrantes legalmente establecidos.

En numerosos países, grandes empresarios ou banqueiros que reclaman a berros -e obteñen do Estado- axudas millonarias, aprovéitanse da crise para despedir a eito e reducir custos. Unha actitude que, no actual contexto de crecemento descontrolado do desemprego, encabuxa. Por iso multiplícanse as protestas sociais. As turbulencias xa causaron a caída dos Gobernos de Bélxica, Islandia e Letonia. Rexistráronse manifestacións en Francia, cunha folga nacional o 29 de xaneiro, enfrontamentos violentos en Guadalupe e unha nova xornada nacional de acción prevista para o 19 deste mes. Os países máis vulnerábeis da UE: Hungría, Bulgaria, Grecia, Letonia, Lituania... tamén rexistraron protestas e disturbios máis ou menos violentos.

Para os cidadáns, o desemprego é unha das peores formas de represión; unha demostración en carne propia da violencia do capitalismo. Por iso a carraxe. Avecíñanse tempos sombríos. O concepto de crise non alcanza a explicar o momento que estamos vivindo. Un cambio de era. Unha mutación de valores. Unha esperanza de xustiza e de progreso?

____________________________________________________________

Notas:

(1) Sami Nair, "¿Xenofobia o Europa social?", El País, Madrid, 7 de febreiro de 2009.

(2) Le Monde, París, 28 de xaneiro de 2009.

(3) Time Magazine, 4 de febreiro de 2009.

____________________________________________________________

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 161, de marzo de 2009]