Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 6/3/2009
Arredor de 100 persoas -entre as que se atopaban ademais do secretario xeral da CIG, Suso Seixo e membros do secretariado Confederal da central, mulleres representantes de organismos relacionados coa loita pola igualdade e mulleres con responsabilidades dentro da central sindical, tanto das federacións como das comarcas- participaron hoxe no acto de entrega do Premio do Día da Muller Traballadora
Un premio dirixido, segundo explicou a propia Secretaria de Muller da CIG, María do Carme López Santamariña, “a recoñecer o labor de mulleres e colectivos de mulleres traballadoras na loita por dignificar as súas condicións socio laborais e salariais, e por superar a situación de discriminación que, pola súa condición de mulleres, adoitan padecer”.
Premio á loita contra a represión sindical
Nesta III Edición, a galardoada foi a presidenta do Comité de Lorenzo Froiz, sancionada pola dirección da empresa ao defender ás súas compañeiras de traballo. Lucía Freire tívose que enfrontar o pasado ano a unha querela criminal interposta por un dos socios do Grupo Froiz, por un suposta falsa testemuña. Este feito, interpretado por todo o cadro de persoal como un ataque directo a todas as traballadoras/es (xa que a demanda foi presentada por ter ido Lucía Freire de testemuña dunha compañeira sancionada), deu inicio a toda unha serie de mobilizacións nos diferentes centros de traballo que rematou cunha xornada de folga o pasado 3 de novembro.
Esta folga foi un éxito total, afectando a todos os centros de traballo, paralizando ao 100% a actividade da empresa e demostrando a capacidade real da unidade de acción das traballadoras e traballadores. Finalmente, a querela foi retirada o pasado mes de xaneiro.
López Santamariña sinalou que o premio “tamén quere ser unha homenaxe para todas as traballadoras do comercio da alimentación”, un sector que rexistra altos niveis de precarización. Por iso chamou ás delegadas desta área presentes no acto para que acompañaran a Lucía Freire na recollida do premio.
Recoñecemento á loita en Valeo e Pérez Lafuente
A Secretaria da Muller da CIG destacou tamén a loita levada a cabo durante o pasado ano polo conxunto das traballadoras da antiga Valeo e da Conserveira Pérez Lafuente. Ambos colectivos protagonizaron durante o 2008 folgas e mobilizacións reivindicando os seus dereitos laborais e na defensa dos postos de traballo, aínda que no caso de Valeo, como é ben sabido, non se puido acadar. Por esta razón, dende a Secretaría da Muller tamén se quixo recoñecer a súa loita, esforzo e dedicación.
Mobilizacións en Compostela
Coincidindo coa entrega do premio leváronse a cabo dúas mobilizacións en Compostela. A primeira concentración desenvolveuse ás 11:00 horas diante do supermercado Gadis situado na rúa Frai Rosendo Salvado, para denunciar a precariedade que existe no sector do comercio da alimentación, un dos sectores ocupados maioritariamente por mulleres, e demandar un convenio digno que remate coas xornadas abusivas, os baixos salarios, permita a promoción interna e elimine a fraude na contratación.
A segunda concentración tivo lugar ao mediodía diante do complexo administrativo de San Caetano, onde delegados e delegadas da área pública demandaron á implantación de Plans de Igualdade na Administración Pública e de Políticas de Igualdade en xeral. Demanda xa presentada no seu día o anterior goberno da Xunta de Galiza e que se fai neste momento ao novo para que o teñan presente á hora de planificar accións de goberno futuras.
1