Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 10/3/2009
Durante estes meses as partes trataron de chegar a un acordo que consistía basicamente en periodificar os despedimentos ao longo deste ano, con falsas expectativas de recolocación, tratando de dividir o colectivo afectado.
Os escasos traballadores e traballadoras indefinidos, aproximadamente uns 155, serán recolocados no departamento de "Captación" ou "Pemes" con posible redución horaria, o que conleva o despedimento de 70 persoas con contratos de posta a disposición deste departamento.
"Fin de campaña enganoso"
O resto dos despedimentos, ata os 370, afectarán ao persoal de CRC, alegando a empresa un fin de campaña que a CIG considera enganoso, xa que a carga de traballo estase deslocalizando cara a Málaga e Sudamérica. Dende a Sección Sindical da CIG o teñen claro, "estamos ante un novo caso de deslocalización que foi ocultado co visto bo da Consellería de Traballo durante a campaña electoral".
Proceso de mobilizacións
A Sección Sindical da CIG en Eurocen, xa anunciou que proporá ao Comité de Empresa comezar cun proceso de mobilizacións e asembleas de traballadores e traballadoras contra os despedimentos e para solicitar un Plan de Futuro para a plataforma da Coruña que ata o de agora daba emprego a 1.100 persoas. 1