Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 1/4/2009
A maioría sindical basca chama á folga xeral o próximo 21 de maio
09-03-31 RP ELA

A folga xeral convocada por ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE e HIRU afectará a todo Hego Euskal Herria e tratará de concitar outras adhesións sociais. A destrucción de emprego e a chantaxe patronal, a ausencia de políticas sociais e orzamentarias e a exixencia de instrumentos para abordar a crise en Euskal Herria constituirán os eixos reivindicativos da xornada.

A maioría sindical basca representada por ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE e HIRU decidiu convocar unha folga xeral para o próximo día 21 de maio no conxunto de Hego Euskal Herria. As organizacións consideran que a situación de crise exixe unha resposta contundente por parte do mundo do traballo, principal víctima dunha situación social e económica que non provocou.

Un chamamento á sociedade basca

A xornada debe traducirse así mesmo nunha ampla mobilización de solidariedade cos traballadores e traballadoras que perderon o seu emprego, ou que nunca o tiveron, cos traballadores e traballadoras que están vendo cómo as diversas patronais, coa axuda inestimable das administracións, conculcan reiteradamente os seus dereitos e degradan as condicións laborais e de acceso a un posto de traballo; unha xornada de denuncia dun sistema económico e social que non ten en conta á clase traballadora.

A sociedade en xeral está sufrindo as consecuencias da crise, polo que entendemos que a resposta a dar debe aglutinar a todos os sectores populares.

Facer fronte á destrucción de emprego e a chantaxe patronal

As decisións empresariais e administrativas no contexto da crise están provocando unha importante destrucción de postos de traballo. A metade das persoas que teñen pasado a engrosar as listas do paro no último ano son eventuais a quen non se lles ten renovado o contrato. Máis dun tercio o ten feito por despido. E 4 de cada 100 o están facendo por medio dun expediente de regulación. Esta situación estase dando incluso en empresas con beneficios.

Ademais, estase provocando intencionadamente un desequilibrio cada vez máis agudizado no modelo de relacións laborais a favor da patronal. Máis alá das dificultades obxectivas, o empresariado está aproveitando a situación e ten decidido que a resultante da crise debe ser un axuste estructural dos cadros de persoal que asegure no presente e no futuro os seus beneficios. Un axuste que se traduza en cadros menores, máis atomizados e máis vulnerábeis, incrementando para isto a temporalidade, a subcontratación e a participación das empresas de traballo temporal, así como un amplo abano de medidas flexibilizadoras.

Ao mesmo tempo, a patronal presiona politicamente para que se abarate o despido, se rebaixen as cotizacións sociais e se utilicen para subvencionar ao empresariado ou se impida a participación da administración na aprobación dos EREs. Finalmente, o empresariado está tratando de utilizar a chantaxe e a incertidume na negociación dos convenios, culpando aos salarios da crise e pretendendo facer crer que o mantemento do emprego pasa inexorablemente pola moderación. Trátase dunha ameaza inaceptábel para amedrentar e disciplinar á clase traballadora, para reforzar a súa situación de privilexio e incrementar os seus beneficios.

Impulsar o cambio das políticas públicas

A folga ten tamén entre os seus obxectivos a denuncia da actuación dos gobernos e institucións públicas. As administracións públicas da CAPV e Nafarroa ven desenvolvendo unha política ultraliberal claramente favorábel aos intereses económicos e empresariais en prexuízo das necesidades e prioridades das clases máis desfavorecidas (fiscalidade favorábel ás rendas máis altas, rebaixa de impostos, permisividade co fraude fiscal... e diminución dos gastos sociais, renunciando ao fortalecemento dos servizos públicos). Hego Euskal Herria está á cola de Europa en presión fiscal e gasto social e os gobernos e deputacións teñen cerrado ademais os seus últimos exercicios con superávit.

Ao mesmo tempo, miles de cidadás e cidadáns e familias non teñen cubertas necesidades básicas e ven incrementarse o seu endebedamento. Así mesmo, as políticas públicas que se están desenvolvendo tanto no sector do transporte como no sector primario, están contribuíndo á diminución do número de persoas que exercen estas actividades, poñendo en serio perigo o mantemento das mesmas.

Desde o ámbito estatal, se ten desregularizado amplamente o mercado laboral (precarizando os contratos, permitindo a flexibilidade, abaratando o despido) e se ten rebaixado continuamente as cotizacións e prestacións sociais. A consecuencia é unha desprotección e unha vulnerabilidade enorme, tanto das traballadoras e traballadores activos como dos parados, moitos dos cales non teñen dereito nin a prestación nin o subsidio.

Cando falamos de crise, é o modelo económico e social o que poñemos en cuestión; o modelo económico imperante é o que nos trouxo á actual situación. Quen están xestionando esta crise solicitando o apoio e acordo do conxunto da clase traballadora, só buscan repetir e perpetuar o modelo, en ningún momento o pon en cuestión, non queren crear alternativas ao mesmo, senón reproducilo. É por isto que o modelo é o que debe cambiar para poder facer fronte aos verdadeiros problemas sociais e económicos.

A falla de capacidade de decisión á hora de abordar temáticas económicas e sociais é fundamental para que se manteña o actual modelo e continúen prevalecendo os intereses empresariais duns poucos fronte aos da clase traballadora. Xa que logo exiximos que as políticas económicas, sociais e laborais se decidan en Euskal Herria e estean ao servizo dos intereses da clase traballadora.

ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE, HIRU

En Bilbo a 31 de marzo de 2009