Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 2/4/2009
Eurocen, empresa de telemárketing que ten un centro de traballo en A Coruña, comunicara o pasado mes de marzo que o día 19 de abril remataría a campaña do departamento CRC que dá servizo a Movistar. Naquel intre, a Sección Sindical da CIG en Eurocen, anunciara que ía propor ao Comité de Empresa comezar cun proceso de mobilizacións e asembleas de traballadores e traballadoras contra os despedimentos e para solicitar un Plan de Futuro para a plataforma de A Coruña, que até o de agora daba emprego a 1.100 persoas.
Finalmente, o luns chegouse a un preacordo que foi asinado polo Comité e a empresa o martes 31 de marzo e que permitirá salvar case 450 postos de traballo neste centro. O Comité, que compareceu en rolda de prensa, valorou positivamente este preacordo, xa que consideran que garante o futuro de Eurocen na cidade e a súa viabilidade, pois conseguiuse o compromiso da dirección de traer novos servizos a plataforma coruñesa.
O preacordo garante o posto do 100% dos traballadores/as indefinidos, que serán recolocados nos servizos de Empresas, Captación (front), Canal Internet e Satdata. Outro grupo de persoas con contrato de obra pasarán a ser indefinidos, mentres que outros 90 operarios/as entrarán dentro dun plano de formación financiado pola Xunta, ao remate do cal 60 deles tamén pasarán a integrarse como indefinidos.
Antecedentes de loita en Atento
O secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, destacou a importancia da loita sindical para acadar este preacordo, asegurando que “fomos capaces de frear o intento de acometer un despedimento masivo e converter o intento de despedir a 450 persoas nunha aposta de futuro, estabilidade no emprego e incluso logramos o compromiso da empresa de traer novos servizos”.
Carril recoñeceu que chegar ao preacordo foi unha tarefa difícil, pero que demostra a capacidade de resposta sindical”. Neste senso, lembrou a loita que no seu día levaron a cabo os traballadores/as de Atento, que demostrou ás empresas do telémarketing “que non poden pretender desmantelar as plataformas de traballo alegremente”. O secretario comarcal sinalou que no caso de non chegarse a un acordo en Eurocen a reposta sindical tería sido “igual ou superior á de Atento”, un punto que, segundo aseverou, “tamén valorou á empresa á hora de decidirse a negociar.
Vídeo da comparecencia para a prensa aquí
1