Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 22/5/2009
Se a cuarta xornada da folga no metal da provincia de Pontevedra supuxo unha demostración de forza e unidade do sector a pesar da represión policial, a media xornada de folga de hoxe evidenciou a capacidade dinamizadora e mobilizatoria do naval, que exteriorizou ao pobo de Vigo a repulsa ás cargas do día anterior e a vontade dos traballadores de continuar na loita polo convenio.
Para Miguel Anxo Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, "aínda que a patronal reclamara a intervención policial, o de onte foi desmedido e inxusto cos traballadores que reclamaban un convenio xusto". Ademais , valorou a media xornada de folga como "un éxito", na cal "os traballadores marcharon en funda pola cidade para exteriorizar que se trata dun conflito laboral e non policial".
Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, que interveu nunha multitudinaria asemblea do naval na praza do Rei, revindicou as razóns dos traballadores na loita polo convenio "a pesar de que se pretende crear un estado de opinión contrario a nós". Tamén destacou a importancia da loita do metal para outros sectores: "o que nós saquemos vai ter unha importante enorme e vai supor a ruptura noutros sectores, por iso a patronal vai seguir presionando".
Este luns 25 de Maio retomaranse as negociacións polo convenio do metal coa mediación da Consellaría de Traballo.
1