Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 26/5/2009
A economía ao servizo da xente
Manuel Mera
Publicado en Gznación ()
20090526_economia.xente

Neste tempo histórico semella que a única solución real, mesmo a curto prazo, é a de recuperar os mercados internos (rexionalizando o máis posíbel a produción e o consumo) garantindo así unha distribución máis xusta do traballo e da riqueza. Claro que isto choca cos intereses das clases dominantes e dos aparellos de estado que as representan...

Semella que todas as forzas políticas, sexan de dereitas ou esquerda, están dacordo en cal debe ser a saída á desfeita da globalización liberal, xa que practicamente todas elas gaban hoxe a economía produtiva, unha verba que parece abranguer todas as medidas superadoras da crise e curadora das doenzas. Agora ben, pra alén da consigna moito me temo que as pretensións duns e doutros son moi diferentes. Por exemplo, un membro da patronal (CEOE) declarábase fai uns días partidario da economía produtiva e a definía do seguinte xeito: dar pulo ás actividades cun gran engadido de renda; incentivar pra acadar este obxectivo a formación, as novas tecnoloxías e a investigación; e flexibilizar o mercado laboral pra facer máis competitiva a produción.

Nunha primeira ollada podería parecer que esta proposta dos empresarios é razoábel, que ¡por fin! están no bo camiño e buscan un punto de encontro coa maioría social, que o capitalismo especulativo fica no pasado, que a patronal recoñece os seus erros e o carácter depredador e explotador do modelo. Porén todo reflicte que non é así, que o que se pretende é mudando a linguaxe, engaiolar máis unha vez ás clases medias, e salvar con cartos públicos os grandes grupos empresariais, incapaces de vender a produción por falta de consumo. Ou sexa, canear a sobreprodución, xa que unha boa parte das familias tiveron que rebaixar o seu nivel de vida por falta de ingresos (perda do poder adquisitivo dos salarios, privatización dos servizos públicos, e aumento da presión fiscal), así como por un endebedamento extremo (vivenda, consumo a prazos).

Antes da crise, do despedimento de milleiros de traballadores e traballadoras, as dúas primeiras medidas propostas pola patronal mesmo poderían ser compartidas como unha saída intermedia a unha situación económica e social preocupante, na que a especulación era o pan de cada día e contaba co arroupe ou o consentimento de governos e todo tipo de institucións. Agora ben, hoxe xa non chega, porque as clases aínda hexemónicas están deslexitimadas, e asemade toda a humanidade olla que non se trata só dun problema de cobiza (que existe e resulta desprezábel) senón tamén e sobre todo dun modelo inxusto e perverso que favorece a centralización e concentración da riqueza. O povo comprobou máis unha vez que se trata dun sistema incapaz de poñer os grandes avances científico técnicos ao servizo de toda a humanidade distribuíndo acaidamente o traballo e a renda, preservando o ecosistema, e dando garantías de democracia e participación ás clases populares (subordinadas).

Neste contexto o prioritario, o fundamental, é que a economía se poña ao servizo da xente, e, nunha sociedade con clases, resulta esencial que protexa os intereses daquelas que representan a ampla maioría e son as xeradoras da maior parte da riqueza (clase traballadora, autónomos do agro, pesca e servizos, pequenos empresarios). Por iso diante da crise o primeiro é definir o modelo político e social (e no caso galego a cuestión da soberanía, que é central pra garantir a vontade popular, ou sexa: preservar identidade, e determinar a tendencia da economía e o tipo de sociedade).

Dar pulo á economía produtiva, por exemplo aumentando o peso do sector da transformación, levará décadas. E este cambio non só necesita dun grande avance científico técnico, superior ao dos demais países, nun mercado aberto como o actual, senón que tamén dunha mudanza das hexemonías mundiais que, en boa medida, son as que marcan as regras de xogo a todos os niveis (seria moi inocente pensar que existe un mercado libre que depende exclusivamente das leis da libre competencia económica).

Por este motivo cando a patronal e os partidos da dereita falan dun modelo produtivo están pensando axiña en rebaixar custes por medio da desregulación laboral (menos salarios, máis xornada, reducir os custes por seguridade social e despedimento, baixar as imposicións fiscais das empresas, etc.). Saben que isto ten un efecto inmediato no custe dos produtos, na recuperación das vendas e sobre todo nos beneficios patronais; e que o que perdan por unha menor capacidade de consumo das familias traballadoras vano gañar por un aumento das exportacións e da porcentaxe de consumo interno que lle resten ás empresas exteriores. En poucas palabras, o seu modelo produtivo e de loita contra a crise pasa por aumentar a taxa de beneficios patronais, concentrando e centralizando máis a riqueza, facendo no sector industrial o que xa fixeron nos últimos anos na construción e os servizos. Este é o segundo paso da patronal unha vez que conseguiron, sen ningunha oposición importante, que cos cartos públicos se salvara a parte do capital que tiñan investida na actividade especulativa, fora na Bolsa ou nas entidades financeiras.

Agora ben, unha saída deste tipo só daría un avío transitorio, xa que en pouco tempo outros países, con un maior control da moeda, e polo tanto dos prezos de intercambio, e condicións laborais máis ruíns, poden desprazar no mercado aos bens e servizos por nós producidos. Habería que seguir rebaixando as condicións laborais e as prestacións sociais indefinidamente, nun proceso regresivo, que só se podería deter cando se consiga a utopía de ter as empresas máis avanzadas en materia tecnolóxica e un gran peso político, de xeito de poder defender no marco mundial axeitadamente os intereses económicos (vexase a guerra do gas entre Rusia e a UE e máis USA). Este tipo de competencia, que adquiriu azos na etapa da globalización neoliberal, ademais de que é regresiva en materia social, ten un caracter depredador sobre as materias primas e destrutivo do medio ambiente, e só é posíbel impoñelo a través de formas de governo cada vez máis represivas e das guerras de ocupación. Asemade, as saídas que ofrece, en canto a recuperar o medre da economía e o emprego, teñen cada vez unha vixencia temporal máis curta e o emprego creado é cada vez menor (tanto polo avance tecnolóxico, como pola redución do consumo e o aumento da xornada laboral real e os ritmos de traballo).

Neste tempo histórico semella que a única solución real, mesmo a curto prazo, é a de recuperar os mercados internos (rexionalizando o máis posíbel a produción e o consumo) garantindo así unha distribución máis xusta do traballo e da riqueza. Claro que isto choca cos intereses das clases dominantes e dos aparellos de estado que as representan, encetando polas grandes potencias imperialistas, tanto da famosa triada (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón) como das potencias emerxentes (Rusia, India, Brasil, China). Porén non existe outra saída que sexa viábel pra un país como o noso, e mesmo outros menos dependentes e máis fortes, que non sexa a de aumentar o protecionismo e regular o comercio exterior. Pra isto fai falla ter soberanía ¡toda a soberanía!. Só deste xeito poderase garantir condicións laborais dignas, unha fiscalidade progresiva, e un aumento dos servizos sociais básicos.

En función destas prioridades sociais podemos entón axer seriamente o desenvolvemento da actividade produtiva, nacionalizar sectores estratéxicos como o financeiro e enerxético, e apostar por unha economía sustentábel ¡unha economía ao servizo da xente!. Unha economía produtiva como consecuencia dun proxecto de sociedade, e nun país colonial como o noso, repito máis unha vez: só é posíbel cunha recuperación da plena capacidade de decisión por parte do povo. Iso non quere dicir de que neste marco non se poda avanzar limitadamente nalgúns destes aspectos, e aínda avanzar mais en función de gañar maiores cotas de poder popular e institucional. Porén, hai que analizar cada caso detidamente e contextualizalo, porque as veces sen pretendelo estamos engordando os intereses daqueles que nos levaron á crise, nola queren facer pagar, e mesmo esperan tirar máis réditos dela no futuro, un deses casos pode ser o de sumarnos acriticamente, sen aclaracións, ao obxectivo dunha economía produtiva.

[Artigo tirado do sitio web ‘GZNación’, do 23 de maio de 2009]