Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 9/6/2009
O metal na rúa
Manuel Mera
20090609_vigo.metal

O que se está a pelexar no metal de Pontevedra é moi importante pra o futuro do país, xa que marca unha tendencia: quen vai a pagar a crise e cal vai ser o modelo de sociedade futura. Está en xogo se imos a permitir ou non que se siga centralizando e concentrando a riqueza, baixando os salarios reais, aumentando a xornada de traballo e os ritmos laborais, pra beneficiar a unha estreita franxa que non ten patria, nen compromiso social.

Antes de facer calquera comentario encol da folga do metal de Pontevedra debemos analizar o contexto no que se dá este conflito. Temos que clarexar previamente que, segundo dados do IGE, a participación na renda nacional galega dos empresarios e rentistas era no ano 2007 maior que a dos asalariados (do 46,5% fronte ao 44,5%), malia que os primeiros son dez veces menos que os segundos. Tampouco se pode ignorar que na última década medrou a participación das rendas do capital malia que diminuíron moito as persoas que forman parte deste segmento social; e asemade entre as rendas salariais o fragmento superior, integrado por executivos e técnicos, ten uns ingresos normalmente altos que elevan artificiosamente a media do conxunto dos asalariados e asalariadas.

Outro dos dados a termos en consideración é que cando un obreiro do metal consigue salarios por riba dos 1.200 euros mensuais debese a que realiza horas estras a esgalla, ao que temos que sumar uns ritmos de traballo insoportábeis en moitas empresas do sector, que son causa das altas taxas de baixas laborais e doutros problemas engadidos.

Por iso cando se lles pide aos sindicatos acougo, animo negociador, coa pretensión de que acepten mansamente as propostas patronais, calquera sexan, os que o solicitan amosan insensibilidade diante das condicións laborais existentes ou un enorme descoñecemento da realidade do mundo do traballo. Mesmo hai quen argumenta que as diferenzas son cativas, polo que non entende a firmeza dos folguistas. Porén, se a diferenza de posturas é mínima, e a solución tan doada ¿por qué non acepta a patronal? Sinxelamente, porque hai máis razóns que as económicas inmediatas pra dar a batalla, xa que todo indica que os empresarios pensan que neste contexto son eles os que poden marcar todas as condicións (séntense ademais arroupados por Núñez Feijóo cando dixo que os traballadores debían ter en conta que estamos en crise). Séntense fortes, queren tirar rédito da crise pra aumentar aínda máis a taxa de gaños no futuro e asemade controlar o movemento sindical.

Mesmo hai quen pide á clase obreira que faga os paros sen ningún tipo de presión na rúa, coa evidente intención de neutralizar a protesta, xa que neste contexto esta é a única medida de presión efectiva e pra buscar a solidariedade. Isto é o que están facendo os traballadores do metal da provincia da Pontevedra e o que a patronal quere evitar (co apoio dos conservadores e do Governo socialdemócrata). A presenza policial, traer antidisturbios desde Valencia e Valladolid, os botes de fume, os gases, a procura de calquera incidente mínimo pra cargar, mesmo a actitude dalgún operario cando se presta ao espectáculo do enfrontamento gratuíto (hai casos nos que se trata de provocadores externos), forman parte da escenificación do desorde que xustifique a represión, e conseguir deste xeito pechar aos obreiros dentro dos muros da empresa pra que a súas xustas reclamacións non se escoiten pola xente, especialmente polo conxunto da clase traballadora galega.

O que se está a pelexar no metal de Pontevedra é moi importante pra o futuro do país, xa que marca unha tendencia: quen vai a pagar a crise e cal vai ser o modelo de sociedade futura. Está en xogo se imos a permitir ou non que se siga centralizando e concentrando a riqueza, baixando os salarios reais, aumentando a xornada de traballo e os ritmos laborais, pra beneficiar a unha estreita franxa que non ten patria, nen compromiso social. A negociación colectiva, a fiscalidade, os servizos e as prestacións públicas, así como os sectores estratéxicos (o sistema financeiro, o enerxético, a soberanía alimentar), a cultura e defensa da identidade, a soberanía nacional, son aspectos todos eles esenciais pra garantir unhas condicións de vida dignas pra os traballadores e traballadoras deste país. Porén en ningún outro ámbito teñen tanta forza e un protagonismo tan importante e directo como na negociación colectiva. E o convenio provincial do metal é o que marca o ritmo en Galiza, por iso ten un grande valor pra os obreiros... mais tamén pra patronal e o Governo.

[Vigo, 9 de xuño de 2009]