Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 11/6/2009
Abriu a sesión o Secretario Xeral da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, dándolle a benvida ás e ós asistentes. Na súa intervención, Piñeiro fixo un repaso da situación e das expectativas e obxectivos da Federación e da CIG no seu conxunto, animando a unha maior participación do colectivo da CIG-Telefónica en ambos os dous niveis organizativos.
Pechou a sesión o compañeiro Xesús Pastoriza, secretario do sector do transporte da FGAMT, logo dunha delongada sesión de traballo e intenso debate que concluíu, unha hora despois do horario inicialmente previsto, coa aprobación do “Relatorio de acción sindical e organización”.
Resumo do documento aprobado
O relato dos feitos e as análises realizadas na I e II Conferencia da CIG-Telefónica describen un panorama de autonomización crecente do Capital con respecto ao Traballo, fenómeno que se ven producindo fai anos no entorno económico xeral, e en Telefónica en particular.
Dado que a producción é función dos dous factores de producción nomeados, Capital e Traballo, é imposible que se realice a valorización do Capital sen a concorrencia do factor traballo; ou o que é o mesmo, Telefónica necesita traballadores/as para obter o resultado económico que persegue.
Esa necesidade mutua, dáse no marco dunha relación social de interdependencia, que o Capital pretende limitar en seu beneficio, ocultándoa detrás dunha aparencia de relación mercantil-contractual “libre”. Para iso, o suministro de Traballo necesario, pasa a facerse “contratando contratadores”, contratas e subcontratas, illando formalmente ós e ás traballadoras do Producto do Traballo Social e da disputa pola súa distribución.
Así, reconverteron parte do Emprego Colectivo en Telefónica (48.000 empregos destruídos desde 1.993) en actividade mercantil entre empresas que desenvolven as tarefas de producción externalizadas e segregadas.
Ao mesmo tempo, a reorganización interna do traballo, a aplicación de novas tecnoloxías e a desarticulación social do plantel, debilitaron o suxeito que sofre este conflicto social imposto, o Colectivo de Traballadores/as de Telefónica.
Vítima singular deste proceso foi a Galiza, hoxe en día cunha proporción de emprego, cuantitativa e cualitativamente considerado, por debaixo das necesidades da nosa nación e das achegas do noso País á economía globalizada.
Neste estado de cousas, Telefónica de España S.A., a empresa número 1 do Estado Español e estandarte da súa oligarquía financeira, proponse unha nova reducción do número de traballadores/as de plantel propio e a substitución do Emprego Colectivo en Telefónica, estable e nas condicións pactadas en Convenio Colectivo (28.000 empregos na actualidade), por unhas relacións laborais individualizadas, precarizadas e de carácter temporal.
Unidade sindical e mobilización
A resposta a este brutal ataque da elite empresarial española aos escasos empregos dignos de tal nome, debe ser a unidade sindical e a mobilización.
Neste senso, na presente conferencia acordamos unha maior unificación e fortalecemento da nosa Sección Sindical Nacional, orientada a mellorar a coordinación co resto dos traballadores do sector na Galiza, e coa totalidade do plantel de Telefónica no Estado Español.
Asemade, unha Sección Sindical Nacional máis cohesionada e reforzada, permitiranos darlle unha resposta acaída, galega, nacional e de clase, ás agresións do capital monopolista español á Galiza e á súa clase traballadora.
1